Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Luar na Lubre presenta en Ourense o seu último traballo o xoves e venres

música O grupo Luar Na Lubre comezará a súa xira de concertos deste ano cunha dobre actuación no Teatro Principal, os días 14 e 15 de xaneiro, en colaboración coa Deputación de Ourense, para presentar na cidade o seu novo traballo, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que levan a promocionar desde o ano 2020 e que recolle historias e lendas dos peregrinos que percorreron os diferentes camiños que levaban a Santiago, así como as súas derivacións ata Fisterra e Muxía, nos confíns da terra.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou na sala de prensa do Pazo Provincial, xunto aos integrantes do grupo Bieito Romero e Xavier Ferreiro, o comezo da xira deste ano de Luar Na Lubre, en Ourense.

Baltar lembrou que se trata da “banda máis internacional de Galicia, que leva máis de trinta anos compoñendo e interpretando temas tan característicos e enraizados na nosa cultura”.

O seu último traballo, o número 19, será presentado en Ourense grazas a esa “andaina de colaboración que levamos a manter desde hai tempo e que xa fixera posible que un dos seus traballos homenaxeara á Ribeira Sacra cun disco ideado e gravado na nosa provincia”, destacou o presidente.

Este último traballo tamén homenaxea a un dos grandes símbolos identitarios de Galicia, como é o Camiño de Santiago”, engadiu Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou o gran labor de investigación musical desta banda galega e “a súa chegada ao gran público, así como a súa pegada do seu compromiso coa música e coa cultural, innovando e deixando sempre quedar o pavillón de Galicia ao máis alto nivel en todas as partes do mundo”.

Durante esta primeira comparecencia do ano 2022, Baltar lembrou a José Antonio Viñas, “un dos grandes da cultura de Ourense que nos deixou nestas datas. Un namorado e un precursor do folclore, das nosas costumes e tradicións e que sempre ficará con nós, polo seu compromiso coa cultura e pola súa identificación coa terra, e por esa pegada que deixou en Queixumes dos pinos a través da súa contribución con moitas asociacións culturais da provincia que fai que o teñamos sempre presente”, salientou.

O grupo internacional de folk en Galicia pon a banda sonora ao Camiño de Santiago, a través dos 27 temas que conforman este traballo, que mestura as creacións propias, con sonoridades das sendas e lugares do itinerario xacobeo, coma o son dun temporal, os ríos, o vento, as aves rapaces, as campás en Cebreiros ou unha misa en Muxía.

As entradas para asistir a estes concertos, que comezan ás 20.30 horas, pódense adquirir na web:https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-principal-de-ourense/13100--luar-na-lubre-vieras-e-vieiros-historias-de-peregrinos.html e no punto de venda do Teatro Principal de Ourense (rúa da Paz, 9), unha hora antes do inicio da actuación.

O novo disco con Miguel Ríos

O novo disco de Luar Na Lubre Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, o álbum número 19 da formación galega, conta coa colaboración especial “dun dos grandes da música en España como é Miguel Ríos, interpretando o primeiro tema titulado Benvido, na liña do que xa fixeron no anterior traballo co gravado na Ribeira Sacra, no que tamén participou Víctor Manuel”, destacou o presidente da Deputación de Ourense.

O disco recolle ademais o tema Dum pater familias, o canto máis antigo de peregrinos a Compostela, que aparece recollido no Códice Calixtino, e Martiros e o vákner recupera unha das lendas vinculadas ao final do Camiño de Santiago, nas terras de Muxía e Fisterra, que se inspira na viaxe que o bispo armenio Mártiros de Arzendjan realizou, no século XV, a Compostela. Durante o seu percorrido, despois de recibir a bendición do apóstolo en Santiago, o armenio encontrouse, nos montes de Dumbría, cunha besta maligna e de gran tamaño, á que chamou vákner.

Este traballo tamén recupera a lenda de Dugium, a cidade anegada, ao tempo que achega algunhas das sonoridades propias da ruta xacobea, como son os corvos da Ulloa ou as gaivotas do mar de Fisterra.

Vieiras e vieiros, historias de peregrinos inclúe un segundo disco que recompila algúns dos temas de Luar Na Lubre vinculados á ruta xacobea. “A nosa creación é moi propia e persoal, pero está moi relacionada coas músicas tradicionais e, especialmente, coa lírica galega medieval”, expón Bieito Romero. O segundo CD inclúe cantigas que Luar Na Lubre adaptou ao seu estilo ao longo da súa traxectoria e cancións coas colaboracións de Diana Navarro, Ismael Serrano, Pablo Milanés, Miro Casabella, Orquesta Sinfónica de Bratislava y Carlos Jean.

“As historias do Camiño e o seu factor humano son elementos dun patrimonio que debemos mostrar e por en valor. Queremos reflexar e dar a coñecer, dende unha nova perspectiva, o valor do noso patrimonio inmaterial”, sinala o músico. Deste modo, Luar Na Lubre rende homenaxe á labor de figuras como Don Elías Valiña, párroco, no seu momento en O Cebreiro, porta de entrada do Camiño en Galicia e recuperador fundamental do Camiño moderno.

O proxecto musical de Luar Na Lubre, na súa recoñecida traxectoria de máis de 35 anos, baséase fundamentalmente nas músicas de raíces galegas, polo que dedican particular atención ao estudo dos principais cancioneiros galegos, así como o traballo de campo que lles proporciona un profundo coñecemento sobre a realidade musical galega que se vén revelado determinante nas súas propias composicións.

O grupo está formado por Bieito Romero (gaitas, acordeón, zanfoña), Irma Macías (voz), Nuria Naya (violín), Patxi Bermúdez (bodhran, tambor), Pedro Valero (guitarra acústica), Xavier Ferreiro (percusión latina, efectos), Xan Cerqueiro (frautas) e Brais Maceiras (acordeón).

Luar Na Lubre, que significa o resplandor da lúa no lugar sagrado dos celtas, fundouse hai máis de 30 anos na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñecer a música e a cultura galega. Cun repertorio baseado fundamentalmente en músicas de raíces galegas, é actualmente a banda máis internacional de Galicia que actuou ante o público dende Palestina ata Canadá e dende Alemaña a Arxentina. REDACCIÓN

10 ene 2022 / 18:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.