Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de 180 pases e trinta actividades no novo ‘FalaRedes’

Valentín García presentou esta nova edición do programa de dinamización da lingua galega e que xa vai polo seu décimo ano consecutivo

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou onte unha nova edición do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2021, que por décimo ano consecutivo chega aos concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia con máis de 180 pases e 30 actividades.

Valentín García destacou a importancia deste programa de dinamización lingüística para as entidades da Rede de Dinamización Lingüística e para os veciños dos municipios aos que chegará a programación. “Trátase dun amplo abano de actividades que encherá o verán e o outono de programación de lecer en galego e de calidade”, salientou. Nesta liña, engadiu que a iniciativa permite á Xunta de Galicia avanzar no obxectivo de “ampliar a oferta en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua ao tempo que apoiamos aos profesionais do sector para superar os efectos da crise sanitaria”, concluíu.

Do mesmo xeito, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén lembrou que, ademais deste programa, este verán a Xunta de Galicia está a impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos nove millóns de euros ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

A canda o representante autonómico, participaron na presentación Atenea García, Pepo Suevos, Borxa Ínsua, Emilio Oro, José Expósito, Pepablo Patiño, artistas encargados das actividades do novo FalaRedes; Erica González, representante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; Mariola Cerdeiro, representante de Urdime Socidedade Cooperativa Galega e Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

En total, o FalaRedes repartirá, ata finais de agosto, máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades adscritas á RDL.

Destas actividades, 11 están destinadas a un público infantil e familiar que abrangue dende os máis miúdos, bebés de 0 a 3 anos, como é o caso do espectáculo-obradoiro Derriba da lúa, da compañía Rilo & Penadique, baixo xestión de Culturactiva, ata os adolescentes, o público potencial ao que enfoca o seu monólogo humorístico, Falade galego rapazada... é unha pasada!, da man de Pepo Suevos, actor.

31 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito