Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de corenta actividades para homenaxear a Emilia Pardo Bazán

Na conmemoración do centario do pasamento da autora participan unha trintena de institucións e entidades de Galicia, España e de Estados Unidos

Galicia impulsará este ano unha programación extensa, variada e plural para conmemorar o centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán con máis de 40 actividades que terán como acto central a exposición Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade.

Trátase da mostra levada a cabo pola Xunta, a Biblioteca Nacional de España (BNE), Acción Cultural Española (AC/E) e a Comunidad de Madrid en colaboración coa Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Coruña que se exhibirá na Coruña do 22 de outubro ao 18 de decembro tras o seu paso por Madrid e que reunirá máis de 200 pezas entre manuscritos, libros impresos, gravados e fotografía, entre outros.

Así o explicou onte o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no Museo de Belas Artes da Coruña na presentación da programación do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851- Madrid, 1921), no que tamén interviron de xeito presencial ou por videoconferencia representantes das institucións participantes.

Entre eles, o presidente en funcións da RAG, Henrique Monteagudo; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a comisaria da exposición Emilia Pardo Bazán, el reto de la modernidad, a catedrática da Universitat de València e biógrafa da autora, Isabel Burdiel; o viceconselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid, Daniel Martínez; a directora xeral da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos Aramburo; o director do comité científico do Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, o catedrático emérito da USC e académico correspondente José Manuel González Herrán; o reitor da UDC, Julio Abalde; o primeiro tenente de alcalde da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e a condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro.

Trátase dunha programación que nace da implicación e compromiso de máis dunha trintena de institucións e entidades de Galicia, do resto de España e de Estados Unidos que colaboran na posta en marcha das actividades para pór en valor a figura de escritora durante este ano.

EXPOSICIÓNS. Nestas actividades, a mostra Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade será a gran iniciativa do centenario que permitirá achegarlle á sociedade a modernidade dos retos literarios, intelectuais, persoais e políticos de Pardo Bazán así como a súa dimensión europea “sen esquecer a pegada que deixou en Galicia”, indicou o conselleiro Román Rodríguez.

Así, xunto a esta exposición, as conmemoracións incluirán catro mostras máis como Cen anos sen Emilia, unha acción de rúa que itinerará por distintas cidades de xuño a setembro para divulgar a súa obra ou a que se poderá ver no Museo de Belas Artes da Coruña en outono.

En novembro, a Biblioteca de Galicia, na compostelá Cidade da Cultura, porá en valor o traballo da autora, cunha escolma bibliográfica das súas pezas máis senlleiras e representativas. Estas exposicións súmanse á xa celebrada en colaboración co Ateneo de Santiago e a Universidade de Santiago para analizar a pegada de Pardo Bazán na cidade de Santiago de Compostela.

Desde o mundo académico. O centenario tamén incluirá dous congresos internacionais en colaboración coas tres universidades galegas.

Trátase de Emilia Pardo Bazán no seu Centenario: Literatura e vida nos séculos XIX, XX e XXI, organizado pola Universidade da Coruña e a Fundación Barrié, que se celebrará en setembro, e Emilia Pardo Bazán, cen anos despois, co apoio específico da RAG e o Consello da Cultura Galega, así como outras entidades internacionais como o Brooklyn College da City University of New York e que está programado para outubro.

No marco da efeméride, a Xunta tamén edita este ano varias publicacións de distinta natureza e alcance e colabora coa Editorial Galaxia ou a Asociación de Prensa da Coruña para outras edicións.

Ademais, levaranse a cabo máis dunha trintena de actividades de difusión en redes, nos arquivos e na rede de bibliotecas públicas que achegarán a figura da intelectual a todos os públicos. Incluiranse accións orientadas aos máis novos como contacontos ou obradoiros de ilustración e formatos como faladoiros destinados a público especialista.

Memoria dixital. Román Rodríguez recordou tamén que se emprenderá un importante traballo de divulgación e promoción da súa obra nas plataformas dixitais. Así, lanzarase un novo micrositio con 85 das súas obras dixitalizadas o que supón que se porá a disposición do público unhas 1.700 páxinas das obras da autora. Estará dispoñible desde o mes de maio e poderá consultarse en Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.

A Biblioteca de Galicia tamén editará 17 publicacións dixitais inéditas ata o momento, convertidas en formato libro electrónico e que non estaban dispoñibles en ningunha institución española.

A RAG achega 71 pezas a unha mostra e organiza un congreso

Santiago. A Real Academia Galega (RAG) participará na exposición Emilia Pardo Bazán. El reto de la modernidad achegando case un terzo das 219 pezas que a conforman. A institución prestará libros, fotografías, correspondencia, obras de arte ou obxectos persoais da autora, ata un total de 71 pezas, á mostra que poderá verse a partir do 8 de xuño na Biblioteca Nacional de España (Madrid), e que chegará o 22 de outubro á Coruña.

A colaboración nesta exposición insírese no programa de conmemoración do centenario do pasamento de Pardo Bazán da RAG, que custodia boa parte do arquivo e a biblioteca persoal da escritora.

A Academia organiza ademais o Congreso internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois, que se celebrará tamén a finais de outubro na Coruña e Santiago de Compostela; e acollerá ata decembro, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, oito encontros con mulleres referentes nos seus respectivos campos profesionais, nun ciclo programado da man do Concello da Coruña.

Henrique Monteagudo, presidente da RAG en funcións, expresou a satisfacción da Academia, como legataria e custodia dunha parte moi importante do legado de Emilia Pardo Bazán, polo esforzo conxunto que están a facer distintas institucións, tanto locais e autonómicas como estatais, para estaren á altura da celebración malia as “circunstancias difíciles” que se viven por mor da pandemia.

“Dende a RAG queremos contribuír a que a conmemoración chegue a un amplo espectro da sociedade. Achegaremos un número importante de pezas á exposición promovida pola Biblioteca Nacional de España e contribuiremos ao debate intelectual arredor da escritora e á difusión do seu pensamento a través de distintos foros, cunha atención especial á ollada feminista da que Emilia Pardo Bazán foi unha pioneira”, salientou Monteagudo. ECG

20 abr 2021 / 16:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.