Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de noventa proxeccións na 25 edición do OUFF, marcada pola covid

de Ourense: ‘Olvido y León’ e ‘Luarada’

Ourense volverá a ser a capital do cinema entre o 25 de setembro e o 3 de outubro. O Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF) regresa de novo á cidade como referente do audiovisual galego, así o demostran as máis de 90 proxeccións previstas que se completan con actividades e homenaxes as figuras centrais do cine galego e español: José Luis Cuerda, Eloy Lozano, Chano Piñeiro... nomes estreitamente vencellados á historia do festival.

A presentación da programación da 25ª edición do OUFF tivo lugar onte no centro cultural Marcos Valcárcel, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. Baltar dixo que este ano, a pesar da pandemia, celebrarase o festival porque a Deputación de Ourense “aposta contundentemente por el como xa fixera cando evitamos que desaparecera e lle demos pulo nos últimos tempos, e neste 2020 tan difícil, o festival resiste” e converterá a Ourense durante eses días “nun diálogo aberto sobre o cine do pasado, presente e futuro”.

Nesta edición do OUFF recibíronse “máis de 400 longametraxes de 65 países. A sección oficial está composta por 10 longametraxes nas que están involucradas 17 nacionalidades, van a ser 91 proxeccións durante estes días, que fai unha media de 12 diarias en catro sedes: o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo”.

PROTAGONISMO ESPECIAL. O presidente do goberno provincial afirmou que nesta edición “Ourense vai estar máis presente ca nunca no festival” porque o festival será inaugurado coa película Olvido y León do director ourensán, Xavier Bermúdez, rodada en Ourense e que será unha estrea mundial. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de Luarada, unha produción do ourensán Óscar Doviso, baseada na historia de Manuel Blanco Romasanta.

Na gala de clausura proxectarase ademais unha curta protagonizada por Isabel Blanco e Antonio Morris, Non me espera ninguén, expresou Baltar.

Ourense tamén estará presente na película sobre o deportista ourensán Simón González A nosotros tu reino e no panorama de Galicia tamén teremos a proxección en versión cine de Nación de muchachos: Utopía o muerte. Baltar engadiu que ese protagonismo de Ourense no cinema “é a aposta da Deputación nos últimos anos que fixo que nas últimas semanas coincidiran dúas rodaxes que serán éxitos no 2021: Cuñados e Live is Life”.

Entre a programación, Miguel Anxo Fernández destacou que esta edición vai a ter “unha das mellores seccións oficiais dos últimos anos” e tamén se proxectarán “dúas estreas mundiais que son xustamente os da inauguración e da clausura, así como dúas estreas en España. O resto son películas que se estrearán comercialmente no que queda de ano e no 2021 nun ano complicado para a exhibición comercial”.

Xunto ás estreas, Miguel Anxo Fernández salientou a posta en valor que fai o festival “polo talento novo coas Fas Muvis, sección que nesta edición contou con 20 solicitudes, que foi o récord absoluto, das que se tivo que realizar unha escolla de 6 equipos. E, por suposto, unha alta participación En Curta, cunha escolla final de 15 curtametraxes”.

Anxo Lorenzo cualificou ao OUFF como “o festival de referencia e a gran casa dos festivais audiovisuais de Galicia”. Neste sentido, o secretario xeral de Cultura da Xunta afirmou que “estamos a vivir unha eclosión do audiovisual galego como nunca se produciu ao longo dos anos”.

Sección Oficial de primeiro nivel
Preséntase catorce traballos dos que só dez loitarán polas deseadas Calpurnias

Ourense. Once longametraxes, (unha fóra de competición), unha mediometraxe e dúas curtas (estas tres tamén fóra de competición) forman a Sección Oficial do 25 OUFF. Catorce traballos dos que só dez loitarán polas Calpurnias. O festival de cine de Ourense da voz a diferentes nacionalidades con traballos procedentes de dazasete países sen esquecer ser a voz propia do audiovisual galego. Así, Galicia conta con cinco traballos, destacando La isla de las mentiras, de Paula Cons, en coprodución con Argentina, competindo na Sección Oficial.

Ourense será durante a vindeira semana escenario de cine con dúas estreas en España: Deux, de Filippo Meneghetti e Vivere, Francesca Archibugi, e outras dúas de carácter mundial: Olvido y León (inauguración) e Luarada (clausura). Tamén cabe destacar que dous dos títulos proveñen da selección do Festival de Cannes, que non puido celebrarse: True Monthers, de Naomi Kawase e Verano del 85” de François Ozon, sen esquecer que na sección a competición atopamos Falling, a ópera prima do actor Viggo Mortensen.

Tódalas películas que se exhibirán neste 25 aniversario do Festival de Cine de Ourense terán a súa estrea comercial en 2020 e 2021. A carteleira do OUFF que poderá ser consultada na súa web. ECG

23 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.