Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Manuel María e Pantón

    Coñecín a Manuel María no ano 1959, cultivei con el e máis xente a tertulia, ese recanto intimo e admirable onde se fala de todo, o divino e o humano, entre iguais. Paseei con el en Monforte pola rúa do Cardenal, entón centro onde a xente ía dar unha volta, que non era unha, senón moitas, con pasos lentos deixando que o tempo transcorrese sen agobios. Era a rúa do paseo e nada máis que iso, unha especie de ocio peripatético e de auténtico solaz.

    Tense dito que non hai home grande para o seu axuda de cámara, e eu, dende a miña actividade profesional; tratei a Manuel María nesas pequenas enfermidades que atende un médico de cabeceira e trateino tamén como odontólogo; coñecín, por tanto, as súas interioridades como home. Pero, por enriba de todo iso, el era grande para min pola súa poesía, polo seu compromiso, a súa altura de miras e a defensa de Galicia. Manuel María era Galicia e o galego e por outros máis coma el este país conserva unha lingua que, como dicía Cunqueiro, vivirá mil primaveras máis. Primaveras, non outonos e invernos, pasado e futuro fundido nas arelas dos bos e xenerosos de antes de Manuel, con Manuel e despois del.

    Contan os afeccionados á tauromaquia o caso dun toureiro do século XIX que, despois de retirarse, foi nomeado Gobernador Civil e cando lle preguntaron como chegara a iso, respostou: “dexenerando”. Pois ben, eu tamén podo dicir que durante unha época da miña vida dexenerei da medicina e fun alcalde do meu pobo. A principal tarefa que me impuxen foi a de tentar espallar o Románico de Pantón para os veciños e o gran público. Naceron as Xornadas do Románico, que se mantiveron moitos anos e aínda perduran. Por este motivo, Manuel María coñeceu Pantón e quedou unido a el para sempre.

    Froito dese coñecemento e do seu amor fondo pola bisbarra naceu un libriño de 51 páxinas titulado Cantigas e Cantos de Pantón, no que plasmou toda a súa sensibilidade pola terra, cunha poesía intimista, rozando o panteísmo.

    Cantou todo o que viu e coñeceu, cantoulle á terra e ao viño, ao pasado e ao presente, e dicía: “eiqui a pedra fíxose arte, flor, pasmo, maravilla, milagre”. Louvou estes viños, que son únicos, produto das ribeiras de tres ríos, aos que definiu desta fermosa maneira: “o Miño, o Sil e o Cabe/ pasan cinguindo Pantón/ de xeito lento, suave”. Manuel María entendeu Pantón como ninguén e sentiuno de maneira fonda e definitiva.

    Estas Cantigas e Cantos de Pantón son unha maneira de facer poesía dende un punto de vista moi sinxelo e doméstico. Este libro máis que poesía é una definición dunha terra e dunhas xentes, dunha maneira de ver a vida e de sentila, dun viño que vivifica e dunhas pedras que son un tesouro, plasmado nos mosteiros de Atán, Pombeiro, San Fiz e Eiré e que culmina na pulida xoia das Bernardas.

    Despídese Manuel no libro cunhas verbas que feren de beleza coa súa sensibilidade: “Ouh Pantón meu xa para sempre/ co mesmo devotísimo fervor/ co que se vai a un irrenunciable lugar, sagrado e máxico”. Todo ben nacido de Pantón ten que levar estes versos como una bandeira. Manuel María, sempre pegado á terra nutricia, acadou a expresión máxima da súa poesía, ao meu entender, en Terra Chá, o seu solar natal, a patria máxica da súa infancia. A modo de confesión, dicía que para medir as distancias da sús terra só se requerían “ferrados de corazón, fanegas de alma”. Pois ben, este pensamento trasladouno a Pantón, como outra terra á que chegou cos anos cheos de lecturas e de soños, moitos deles incumpridos. Deixounos o mellor de si mesmo e eu, despois de tantos anos de fonda amizade, cando el está xa na paz do alén, quero deixar esta modesta testemuña do recordo dun pobo que o quixo e o admirou, porque chegou a ser un dos nosos e para sempre. Galicia e pequena, Pantón tamén pero, grandes nos amores ao noso poeta cívico.

    Xa para rematar, quero manifestar que Manuel María foi pioneiro en cantar, cos seus poemas as excelencias da Ribeira Sacra, concello por concello. Chegado o momento da UNESCO, coido determine en declarar o galardón para Ribeira Sacra, ano 2021. Manuel María ten méritos máis que suficientes para acadar dito galardón.

    22 sep 2020 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.