Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Medallas con nome de muller para as que loitan pola igualdade

O galardóns que rememoran a Pardo Bazán recoñecen o traballo diario pola xustiza de xénero

As premiadas coas medallas Emilia Pardo Bazán 2021, a produtora Zaza Ceballos e a presidenta da Asociación Mirabal, Ana Saavedra, así como Fernando González -que recolleu o premio a título póstumo de María Jesús Díaz Sánchez- instaron hoxe a seguir loitando pola igualdade.

Fixérono este xoves durante o acto de entrega das medallas Emilia Pardo Bazán 2021, que se celebrou por primeira vez nos xardíns das Torres de Meirás, que mandou construír Emilia Pardo Bazán entre 1894 e 1910.

Unha gran carpa situada ante a entrada principal do Pazo acolleu a gala no día do 170 aniversario da novelista coruñesa, á que finalmente non asistiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Os galardóns, que celebran este ano a súa terceira edición, buscan premiar a mulleres, institucións e asociacións como recoñecemento polas accións que levan a cabo pola igualdade entre mulleres e homes e polo seu traballo para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade.

O recoñecemento póstumo a María Jesús Díaz Sánchez foi recollido por Fernando González, en representación de Alar de Galicia, quen agradeceu o recoñecemento e lamentou que “a pobreza ten nome de muller”.

Leste definiu á fundadora da entidade como unha “loitadora e combativa como ningunha na loita polos dereitos da muller”. “Encabezou medidas de apoio contra a violencia de xénero para sacar á luz a realidade das mulleres que máis sofren”, lembrou.

Tras recoller a súa medalla, a directora de cinema e escritora Zaza Ceballos, pioneira no sector audiovisual galego, expresou, visiblemente emocionada, a “verdadeira honra” que supón para ela recibir este premio.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Mirabal, Ana Saavedra, dedicou o recoñecemento ás vítimas, tanto a “as que xa non están”, como “a todas e cada unha das sobreviventes” e, no seu discurso, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, enxalzou a Emilia Pardo Bazán por ser “a primeira” en numerosos ámbitos. “En Meirás quixo ter unha torre para divisar mellor os novos horizontes que desexaba para a muller”, remarcou.

Tamén asistiron a esta gala de entrega de medallas, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ademias da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas.

Unha escolma de textos da escritora amosan a unha “radical feminista”
O volume da RAG e a Cámara galega lle rinde unha homenaxe no centenario da autora

A Coruña. Emilia Pardo Bazán ( A Coruña, 16 de setembro de 1851- Madrid, 12 de maio de 1921) foi unha adiantada ao seu tempo na defensa do destino propio das mulleres, como acreditan estas liñas incluídas no ensaio A educación do home e da muller. O texto, presentado no Congreso Pedagóxico de 1892, abre o volume de homenaxe publicado pola Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia co gallo do centenario do pasamento da escritora, unha edición que verte ao galego o que é seguramente o ensaio teórico sobre feminismo máis relevante e novidoso da autora, valora Marilar Aleixandre.

A académica, directora da revista La Tribuna. Cadernos de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, escolmou ademais en A educación do home e da muller e outros escritos feministas sete artigos de prensa que contribúen a dar a coñecer ao público do século XXI a reivindicación activa dos dereitos das mulleres que fixeron de Pardo Bazán unha auténtica “feminista radical”, como ela mesma quixo definirse. A Real Academia Galega, responsable da custodia do seu legado, acolleu onte a presentación do libro cadrando coa celebración do 170 aniversario.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira; Marilar Aleixandre e a tradutora Mónica Bar presentaron o volume neste escenario, onde a autora escribiu, entre moitas obras, parte d’A educación do home e da muller, ensaio no que tamén traballou en Meirás, como se infire das cartas á súa amiga e comadre Carmen Miranda, conservadas no arquivo da RAG. REDACCIÓN

17 sep 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.