Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Mellora dos museos cun Consello asesor

O novo órgano involucrará ao sector ao incluír membros das principais entidades do ámbito dos centros museísticos galegos

A Xunta de Galicia reforzará a organización dos museos galegos coa creación do novo Consello de Centros Museísticos de Galicia, o órgano colexiado asesor adscrito á Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que incluirá entre as súas funcións propor actuacións e iniciativas para mellorar o funcionamento do Sistema Galego de Centros Museísticos, así como ditaminar sobre a creación, modificación ou supresión destas entidades.

A súa creación está fixada na Lei 7/2021 de Museos de Galicia, que se aprobou este mesmo ano. Con esta normativa, o sistema galego queda composto por un órgano administrativo de dirección e coordinación -a propia Consellería de Cultura- os distintos tipos de centros museísticos, xa sexan públicos ou privados que pasen a integrarse no sistema e este novo órgano colexiado asesor.

Para a súa posta en marcha, a Xunta elaborou unha proposta de decreto, do que se abriu o período de consulta pública para alegacións ata o próximo venres.,11 de xuño.

O texto normativo estrutúrase en catorce artigos nos que se destaca que estará presente, a través dos seus informes, en asuntos de relevancia para o sector cultural, tales como a creación de centros, a súa adhesión ao sistema galego de centros museísticos, as normas regulamentarias ditadas en desenvolvemento da lei ou as medidas que axuden á mellora dos centros, entre outras.

O Consello estará composto por unha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e oito vogalías.

Para a súa composición buscarase o máximo nivel de consulta e consenso, de forma que estean representadas todas as realidades e intereses do sector museístico.

O anteproxecto propón que as vogalías conten con dúas persoas en representación da administración autonómica galega con competencias en materia de museos, unha en representación dos centros de entidades locais proposta pola Federación Galega de Municipios e Provincias, unha en representación do Consello da Cultura Galega ou da Real Academia de Belas Artes por proposta destes órganos superiores, vogalía que rotaría.

Tamén se contaría cunha persoa en representación das universidades galegas proposta polo Consello Galego de Universidades, con rotación entre as tres institucións, e se incluiría unha persoa en representación dos centros museísticos de titularidade privada proposta pola persoa titular do órgano competente en materia de centros museísticos (carácter rotatorio), outra en representación das fundacións, asociacións e entidades de dereitos públicos ou privados de carácter profesional e outra de recoñecido prestixio no ámbito museístico.

Desenvolvemento da Lei. O Consello de Centros Museísticos de Galicia funcionará en pleno ou en comisión permanente e pode establecer grupos de traballo específicos por razón da materia.

A participación neste órgano colexiado non xerará dereitos económicos aos seus membros nin indemnizacións por asistencia.

Este novo Consello contribuirá a coordinar as políticas de todas as administracións públicas e privadas neste eido, tendo en conta que Galicia conta con 93 institucións museísticas de rexistradas na nosa comunidade, nas que se inclúen centros de titularidade pública e privada.

É, ademais, do primeiro desenvolvemento normativo da Lei de Museos galega que entrou en vigor este ano.

07 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.