Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Memoria, ecoloxía e pobo na escrita de Paco Martín

Unha das cousas que máis prestan da escrita do lucense Paco Martín é comprobar a súa extraordinaria habelencia para da máis sinxela das anécdotas ser quen de tecer toda unha historia arborada e de fondo poder simbólico. É o que acontece con A ponte que non tiña río, o seu máis recente relato, unha narración que ve a luz da man da Editorial Galaxia na emblemática colección Árbore.

A ponte que non tiña río é a historia dunha nena e un neno que, acompañados dun sabio ancián veciño seu, descobren nun paseo campestre unha ponte abandonada e xa comesta pola vexetación. A contemplación dese elemento arquitectónico esquecido leva o adulto e os pequenos á reflexión sobre a incuria colectiva con certos elementos do noso patrimonio e ben pronto comezan a argallar o modo de que os restantes membros da familia, e tamén da veciñanza, se impliquen na recuperación da ponte.

O relato é, pois, a historia de como un pobo consegue que unha ponte esquecida volva ter vida, discorran baixo dela as augas longo tempo arredadas e toda a súa contorna se vexa libre da bouza que a aferrollaba, facendo do lugar un espazo renovado e gañado para o lecer da comunidade.

Como non podía ser doutra maneira, esta intensa e alegórica narración convídanos a matinar sobre a importancia da memoria e da tradición, tamén da necesidade de coidar o medio ambiente e do valioso que resulta o esforzo colectivo en aras do ben común.

Narrado coa mestría que toda unha vida dedicada á escrita proporciona, A ponte que non tiña río é un libro conmovedor, tanto polo engado dos personaxes que o protagonizan coma pola innegable capacidade suxestiva e transformadora da trama que a sostén. Unha pequena gran narración de Paco Martín que sen dúbida agradará por igual aos infantes de dez anos en diante -para os que recomenda a obra a editorial- como a aqueloutros que xa cumpriron varias veces esa cifra.

armandorequeixo@hotmail.com

11 nov 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito