Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Mercedes Peón vai a Oroso grazas ó Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo 2021

A popular artista galega estará acompañada o domingo por Ana Fernández e Mónica de Nut nun concerto coa entrada de balde

Mercedes Peón leva ao concello coruñés de Oroso o seu proxecto Déixaas, no marco da programación do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 que promove a Xunta de Galicia. Así o deu a coñecer onte en rolda de prensa feita en Santiago o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, xunto á artista galega.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou a singularidade desta proposta que ten como obxectivo “dinamizar a lingua galega da man dunha das nosas artistas máis internacionais”.

“Mercedes Peón é unha das persoas que durante moitos anos máis contribuíu enormemente á salvagarda e á recuperación da lingua galega desde o ámbito da música tradicional galega, labor ao que dedicou gran parte da súa vida profesional”, abondou Valentín García. Nesta liña, engadiu que a artista continúa a día de hoxe desde a súa proxección internacional e desde o circuíto mundial, promovendo e visibilizando a lingua con experiencias musicais innovadoras, temáticas e ámbitos máis ligados á vangarda e á modernidade.

A cita é o vindeiro domingo,, no parque do paseo do Carboeiro, en Sigüeiro. A entrada é de balde, con reserva previa, ata completar a capacidade de 120 asistentes neste espazo exterior. En caso de choiva, o concerto trasladarase á alameda de Gois.

Déixaas é unha proposta de Mercedes Peón que, neste caso, se presenta acompañada de dúas relevantes artistas do noso panorama musical: Ana Fernández e Mónica de Nut. Tres mulleres e tres músicas interpretando unha composición sonora en formato circular, contemporánea e electrónica única no mundo que ten as súas orixes no noso patrimonio inmaterial musical, simbólico e lingüístico.

Trátase dun traballo que amplía o universo creativo da autora combinando artesanía musical e vangarda creativa e que xorde como resultado dunha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que Mercedes Peón se ergue como referente internacional: a música de raíz, a tradición máis xenuína.

No marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da covid-19, a Xunta de Galicia promove a creación dun repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega.

O devandito repositorio, integrado por contidos tanto virtuais coma presenciais, así como por outros servizos de materiais e produción, persegue os obxectivos de dinamizar a lingua propia de Galicia, inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise da covid-19 e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.

Peón e unha cantante, pandereteira e compositora de moita sona hoxe no eido da música folk de Galicia.

30 sep 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.