Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ACHÁDEGOS

Moeche: mil tesouros no corazón da gran revolta europea

Por fin o castelo amosa moedas e louza da Idade Media// Irmandiños: a primeira revolución do continente

Ano 1467. Arde Galicia, na primeira revolta social europea. Tras séculos de escravitude, o pobo loita contra os poderosos. E na Gran Guerra Irmandiña, cae o castelo de Moeche. Trinta anos antes, 10.000 labregos na chamada Irmandade Fusquenlla e baixo o mando do fidalgo Roi Xordo xa se sublevaran contra Nuño Freire de Andrade O Mao. Pero cando chegaron á fortaleza, o señor feudal lograra escapar. Din que Roi Xordo perdeu a vida na Batalla do Eume. Pero como nos mellores relatos de vinganza, o seu espíritu sobreviviu por enriba da morte. E os seus homes lograrían destrozar o castelo de Moeche nese 1467. A historia é redonda como a lúa que asoma cada noite sobre a fortaleza. E por fin, regresan a este emblema de Ferrolterra algúns dos seus tesoros máis valorados. Nunha exposición, de momento ata mediados de novembro, poderemos coñecer en Moeche os restos da vida cotiá dentro de murallas entre os séculos XIV e XVIII.

En concreto, as pezas corresponden ás excavacións realizadas aquí entre os anos 90 e os 2000. Sobre todo son moedas, louza e cerámica. E ata agora atopábanse no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, ubicado no Castelo de Santo Antón. O técnico de Turismo de Moeche, Ramón Carballeira, explica que “a mostra retoma a historia viva do castelo, das Revoltas Irmandiñas e das súas consecuencias... e ademáis é de xustiza que regresen estes obxectos”. Conmemóranse xusto agora 650 anos desde que se destruíra o castelo orixinal, alzado a finais do século XIV. “E nas visitas guiadas amosamos así que temos dous castelos, o primixenio e o reconstruído”, indica Carballeira.

En canto ás moedas, pertencen ao século XV e amosan o enfrontamento daqueles tempos entre os Reinos de Castela e Portugal: “Temos un ceitil portugués e un maravedí castelán, que plantexan o conflito de dúas entidades xeopolíticas: as dúas Coroas tiñan pretensións sobre Galicia e e iso plasmouse no numerario emitido”. Nas pezas de cerámica, amósase a evolución desde a Baixa Idade Media ata a Idade Moderna, “empezamos cunha moi ruda feita en torno e despois avanzamos coa louza tradicional galega”. De feito, hai diáfanos antecedentes de Sargadelos: “Esa cerámica bebe da que atopamos no castelo, era unha produción propia moi rendable e necesaria na Idade Moderna galega”. As moedas e as primeiras xerras foron fabricadas entre finais do XIV e principios de XV, e todas apareceron nas excavacións. A última louza xa é do século XVIII, “e do castelo orixinal non se atopou nada ao ser destruído polos Irmandiños”.

SÉCULOS DE LOITA Como insiste Ramón Carballeira, “nas visitas podemos explicar que temos dous castelos e non só un” (en alusión á estrutura orixinal, que se conserva grazas ás excavacións dos 90). “O primeiro foi destruído pola primeira gran revolta social europea, nas visitas facemos fincapé na importancia que tivo que os Irmandiños se levantasen contra a nobreza, que o pobo loitase contra os abusos dos poderosos”, apunta o técnico de Turismo. E conclúe que “son leccións que podemos aplicar no contexto actual”.

Agora a intención do concello, coa alcaldesa Beatriz Bascoy ao fronte, é que parte da mostra sexa de carácter permanente e continúe no castelo. O Museo Arqueolóxico situado en San Antón é o depositario das pezas, “a colaboración foi moi estreita e a conservadora deu moitas facilidades para esta mostra”. E paralograr esa permanencia, avanzan os trámites administrativos con distintas administracións co obxectivo de acadala a finais de ano.

Os interesados en coñecer o castelo aínda teñen o horario de verán, que continuará unhas semanas: de martes a venres de 11.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30; con sábados, domingos e festivos de 11.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00. Pero cando se inicie a tempada baixa, pola mañá só se abrirá un día. E manteranse os mesmos horarios pola tarde, e dos sábados, domingos e festivos.

No corazón de Ferrolterra e coa bandeira de Galicia sobre a torre de homenaxe, Moeche agarda por almas intrepidas.

26 sep 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.