Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Moito humor e música hoxe no ‘Land Rober Summertime’

Entre outros momentos divertidos, os espectadores verán como Josiño, dos Mariscadores, prepara a oposición para a Garda Civil

O humor con maiúsculas será protagonista un xoves máis na Televisión de Galicia, que ofrecerá unha nova entrega de Land Rober Summertime, unha refrescante oferta coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes deste programa de referencia na canle pública.

Así, na edición de verán de Land Rober, entre outros momentos divertidos, os espectadores verán como Josiño, dos Mariscadores, prepara a oposición da Garda Civil, asistirán aos problemas de aforo que se producen nunha discoteca e visitarán unha gardería bancaria.

Os convidados que pasarán esta noite polo programa serán o músico Xabier Díaz, o coreógrafo Poti e a actriz e humorista Lucía Veiga. Todo isto, coa participación, coma sempre, de Roberto Vilar, Eva Iglesias, Miguel Canalejo e Víctor Fábregas.

SAUDADE DE TI. Como verán hoxe os espectadores de Saudade de ti, Teresa e os segredos nunca fixeron boa combinación. A pregunta non é se poderá manter a boca pechada sobre a aventura de Olga con Gaspar, senón canto tempo tardará en contalo todo. E a quen.

Parece que o auditor chegou para facerlles a vida imposible a todos os habitantes de Abrente. Todos están pendentes do resultado da súa analítica e, se o resultado é unha intoxicación, podería afundir Casa Eiroa para sempre.

Na empresa, o home que non desperta maiores simpatías, está a piques de atopar o desfalco dos 40.000 €, o que pon en grave risco a súa venda. A Dimas non lle queda outra que tratar de repoñer os cartos antes de que o pillen, pero para iso intentará de hipotecar o bar, algo co que seu irmán non está de acordo.

Pola súa parte, Noa queda con Brais na súa casa. Esta vez, como amigos, aínda que o rapaz pensa utilizar todas as súas dotes de sedución sobre a moza. Ela, con todo, oculta os seus propios plans: pensa coarse no cuarto de Raúl na busca de probas sobre a súa paternidade.

A REVISTA A Revista analizará hoxe o novo sistema de cotización dos autónomos que se aplicará durante os vindeiros tres anos e que conducirá a un modelo segundo os ingresos reais de cada profesional, con 200 euros de cota mínima para as persoas con menos ingresos. Para isto, o programa contará coa presenza do asesor Jaime Aneros, profesor de Dereito Fiscal na Universidade de Vigo, e do vicepresidente de APE Galicia, David Martínez.

Outro tema que se porá sobre a mesa de A Revista será o das relacións de parella, o uso das novas apps para mocear a través de Internet e os aspectos do día a día que afectan para mal a unha relación. Opinarán sobre esta cuestión a psicóloga e sexóloga Ana Castro, a xornalista Inma Morandeira e a parella formada por Isma Grosio e Adolfo Mora.

27 jul 2022 / 21:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.