Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Museos para esta Semana Santa: moito e bo por ollar

A rede xestionada pola Xunta ofrece diversas mostras e actividades que representan unha interesante alternativa

A Rede de Museos xestionados pola Xunta ofrecen diversas mostras e actividades que representan unha interesante alternativa cultural para os días da Semana Santa. As persoas que visiten estes centros poderán gozar de diferentes disciplinas artísticas, arqueoloxía e a posibilidade de participar en visitas guiadas.

No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia vén de inaugurarse a exposición Faraón. Rei de Exipto, composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos e visitados museos do mundo. Súmase así a Os brancos segredos do seu ventre, unha selección de 53 pezas de recoñecidos artistas de arte contemporánea e Ás miradas de Isaac, a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo tralo seu falecemento.

E no Museo das Peregrinacións na capital galega, , está Imaxes de pedra, unha viaxe polo Camiño de Santiago que se fixa en detalles da monumental escultura románica da man da doutora en Belas Artes, Rosa Elvira Caamaño Fernández. Neste centro tamén se pode visitar Arquitecturas debuxadas Compostela, un compendio de arquitecturas configurado arredor da catedral e da cidade de Compostela a cargo do arquitecto, debuxante e pintor madrileño Santiago Catalán.

Outro dos museos da Xunta situado en Santiago, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), vén de abrir a mostra Accións peregrinas da artista sevillana Pilar Albarracín, unha das creadoras clave na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa do pasado século. Xunto a esta, permanecen abertas no CGAC Pauline Oliveros. Retrospectiva, centrada na música electrónica, e Breaking the Monument, unha selección de obras de artistas procedentes de contextos culturais diferentes.

Súmaselle a exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, comisariada por Ángel Cerviño, unha selección de traballos realizados polo alumnado que pasou polas aulas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, con motivo do seu 30º aniversario.

Cómpre sinalar tamén que o CGAC ofrece visitas guiadas con cita previa de martes a venres, así como o primeiro sábado de cada mes, neste caso centrada na arquitectura e a historia do centro, e todos os domingos ás 12,00 horas ás exposicións temporais. Para as visitas da fin de semana non é precisa reserva.

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrécelles aos visitantes un percorrido pola moda do período 1860-1960 a través da colección González Moro reunida na mostra Vestir épocas. Nela pódense contemplar máis de 300 pezas, entre obxectos e prendas de vestir, pertencentes á dama coruñesa Ana González Moro, que mostran as formas e gusto de vestir en Galicia nas distintas épocas que abrangue o legado. Pola súa banda, o Museo do Mar de Vigo acolle a exposición Crebas, unha serie fotográfica realizada nun areal da máxica Costa da Morte.

01 abr 2021 / 00:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.