Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Música e literatura: recreando a Mozart en Galiza

A mestra e escritora Fina Casalderrey é unha das voces máis coñecidas e recoñecidas das nosas letras. Cunha ampla variedade de títulos publicados, engade agora á súa obra literaria O xenio da Cidade do Sal (Xerais, 2021), onde recrea as vivencias dunha das figuras esenciais da historia da música, Mozart. Este volume, destinado a lectorado a partir dos dez anos, conta coas ilustracións de Xosé Cobas e vén acompañado dun CD que contén a gravación da Integral dos Cuartetos para frauta e trío de cordas de Mozart en diálogo con temas tradicionais galegos interpretados por Luís Soto, David García, Ionana Ciobotaru e Millán Abeledo.

A premisa deste libro parte da idea de imaxinar que acontecería se, nunha das súas numerosas viaxes por Europa, o músico visitase Galiza. O texto divídese en dúas partes diferenciadas por un cambio de narrador e de liña temporal e antecedidas de cadansúa carta: na primeira, unha carta do protagonista para o lector; e, na segunda, unha carta do protagonista para a narradora.

A primeira sección deste libro céntrase en datos biográficos do brillante músico e compositor, que se presenta como un divertido neno presumido e irreverente, e nas vivencias que lle acontecen xunto coa súa familia, centrándose na figura da súa irmá maior, Nannerl. Non obstante, o protagonista do libro, Xoán, ou tamén Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart, aínda que lle agradece á autora o seu esforzo, non se atopa contento co ritmo do libro, polo que decide tomar cartas no asunto e comezar a narrar el a segunda sección do volume.

Xoán conta o seu encontro cun cabalo branco que lle apareceu na ventá e o encandeou para emprender unha viaxe. Esta viaxe resultará ter lugar no tempo e no espazo. Xunto co albuxíneo animal, Xoán viaxará do ano 1768 á actualidade e irá percorrendo a vella Europa con todos os seus recentes cambios. O destino final deste itinerario é Galiza, a cal percorren ata chegar a San Andrés de Teixido, onde o pequeno Xoán enxaugará a boca coa auga dunha fonte de tres canos, collerá unha herba de namorar e escoitará A Carolina.

Este fantástico traballo de achegar a Mozart á xeografía galega fará as delicias da vista coas súas ilustracións, do oído coas composicións musicais e da imaxinación coa rica ficción que artella a autora, que consegue tender pontes entre tempos e culturas, á vez que achegar ao pequeno lectorado á figura dun dos músicos máis relevantes e influentes da historia.

inesmosquerac@gmail.com

14 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.