Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nace en Vigo a Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia

Desenvolverase os días 23 e 24 de outubro e reunirá ao redor de 100 expositores

Cando Patricia Menéndez e Tamara Alonso, creadoras de contido e autoras dos blogues Medio Limón e De dónde saco las proteínas, respectivamente, caeron na conta de que para coñecer as novidades do seu eido tiñan que facer máis quilómetros dos aconsellables, decidiron unir as súas forzas e crear unha feira de seu. Tempo despois completouse o equipo coa incorporación da xestora cultural Ana Gontad. Xuntas, unidas pola amizade e convencidas da necesidade de avanzar cara un consumo máis responsable, sostible e respectuoso, están organizar Vegana.gal, a Primeira Feira Vegana e Sostible de Galicia, un evento que terá a súa sede no Instituto Feiral de Vigo os días 23 e 24 de outubro, e que conta co apoio do Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra.

Vegana.gal reunirá ao redor de 100 expositores, puntos de información nutricional, zona infantil, representantes de santuarios, refuxios e Oenegués, persoal experto en educación medioambiental e, sobre todo, moita —e deliciosa— comida vexetal para promover un estilo de vida máis respectuoso co mundo animal e o medio ambiente. O evento será unha feira de mostras inclusiva que quere romper moldes e certos tabúes instaurados en torno ao veganismo dun xeito amable, asertivo e, por que non, tamén divertido. Así mesmo, Vegana.gal procurará visibilizar ás empresas e marcas do sector tanto locais como estatais —e mesmo internacionais— perante distribuidores e público xeral, tras estes duros e anguriosos meses de pandemia.

CONTIDOS

Coa intención de amosar ao público todo tipo de alternativas y novedades, Vegana.gal abranguerá os seguintes contidos:

_Casetas expositoras e food trucks.

_Showcookings da man de recoñecidas cociñeiras veganas que amosarán outros modelos gastronómicos.

_Charlas e debates sobre educación ambiental, nutrición, sostibilidade e veganismo.

_Obradoiros sobre sostibilidade nos que aprender a dar o paso cara un estilo de vida máis ecolóxico.

_Mostras e catas de produtos alimenticios como queixos veganos, chourizos de cabaza, hamburguesas hiperrealistas ou repostería, así como alternativas ao plástico, ao papel de alumino e aos envases dun só uso.

_Representantes de Santuarios e Oenegués darán a coñecer o imprescindible labor que realizan polos animais e o coidado do planeta.

_Punto de encontro para profesionais do sector.

_Como evento inclusivo, a feira contará con ludoteca para o público miúdo onde poderán desenvolver todo tipo de actividades coidadosamente adaptadas á súa idade.

ADQUISICIÓN DE ENTRADAS

A mellor forma de democratizar o veganismo e animar ao público a participar é poñendo as entradas a un prezo simbólico, polo que para as persoas que asistan un só día as entradas terán un custo de 3 euros, e de 5 euros para todas aquelas persoas que desexen asistir os dous días da feira. Aínda que sairán á venda a primeira semana de setembro, na web do evento, vegana.gal, pódese cubrir un formulario que avisará da disposición das entradas para así poder garantir a súa adquisición. A organización lembra que, dada a actual situación pandémica na que nos atopamos e a gran acollida que está a ter a feira, convén mercar a entrada por internet e con certa marxe de tempo para non quedar fóra segundo o límite de capacidade vixente nas datas da feira.

PARTICIPANTES

Por último, aínda que xa hai máis de 60 casetas reservadas e co obxectivo de facer un evento ambicioso, comprometido e atractivo, o prazo de inscrición para empresas expositoras permanecerá aberto ata o 10 de setembro. En Vegana.gal haberá marcas de diferentes eidos —todos eles relacionados coa sostibilidade e o veganismo— como por exemplo:

Artesanía: Brazolinda, Arrolos de Mai, Nohehandmade, Patapúm, Niki Bambú, Futakuchi, Haciendo el galgo e Traska Artesanía.

Alimentación: Greengranel, Conasi, Ideya Verde, Fermento Vegano, Calabizo, Galuriña, C’Alma Fruit, Algamar, Vegetaleso, Shiitake Trives, O Recuncho de Artemisa, Algas la Patrona, Muíño de Espelta, Aceites Abril, Entre Pedras, Vainatti, Shiitake de Trives, Happy Guisante ou Forno Vegano, entre moitos outros.

Moda e calzado: Slowcracy, Ecoalkesan, Beflamboyant, Libre de Sufrimiento e NWHR.

Cosmética vegana: Akame, Matarrania, Herbes Folles, Ringana ou Xabóns Zorro d’avi.

Floristerías como Flores Carochinha,

Outros servizos: Teknablue, Nutrisalud ou Ecolivesystem

11 ago 2021 / 14:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.