Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Justo Beramendi e Manuel Vilar. Presidente do padroado e director do Museo do Pobo Galego

“No Museo do Pobo Galego falta o apoio económico dos que poden”

Señor Beramendi, dinme que o investimento que fixeron para levar a cabo a remodelación interna do Museo do Pobo Galego foi grande. Isto é unha aposta para poñerlo en valor, non si?

O corpo principal do Museo fomos remodelándoo aos pouquiños nos máis de corenta anos que levamos aquí, desde que nolo cedeu o Concello. A intervención foi na ala sur, un edificio anterior ao barroco, porque antes había aquí un conxunto gótico que fixeron os dominicos a principios do século XVII para participar dalgunha maneira nos estudos universitarios. E cando no século XIX foi desamortizado todo e marcharon de aquí, esa ala sur tivo moitísimos usos, polo que foi deteriorándose...

Cando nós nos fixemos cargo diso, o entón conselleiro de Cultura Jesús Pérez Varela, deunos unha cantidade para rehabilitar a planta baixa. E xa agora hai dous anos foi cando a instancias da Xunta o Consorcio acometeu unha rehabilitación integral da ala sur. Iso dábanos pé para aplicar unha parte do noso programa museográfico que estaba inédita, pero que existía sobre o papel desde un principio: as salas de historia de Galicia.

Entón o que é a rehabilitación da ala sur do edificio está rematada, aínda que non o entregaron de momento. Aí nós temos feito o proxecto, financiado tamén polo Consorcio. Só estamos á espera de ter os cartos necesarios para facelo. E a situación actual é de gran satisfacción para o museo do Pobo Galego porque vai poder ampliar moito o seu programa e vai dar un salto cualitativo, pero ao mesmo tempo as cousas non están garantidas, porque a Xunta deunos unha cantidade para a instalación das primeiras salas. Pero non podemos empezar a instalalas –aínda que temos licitado e presupuestado e encargado todo ás empresas– até que non baleiremos esas salas, levando as cousas á ala sur.

E estamos moi collidos de tempo para poder inauguralas no mes de xullo. Hai que dicir que chegan desde o medio natural ata o reino suevo. E logo na ala sur (para a que aínda non temos recursos) irá todo o demais ata os nosos días.

Podemos dicir que a Xunta cumpriu, pero sería bo contar co apoio económico das deputacións...

Justo Beramendi: E tanto. De feito, a Xunta leva dous anos incrementando a subvención en 200.000 euros. E si, necesitamos conseguir financiación. Fixemos xestións coas deputacións, pero de momento, aínda que houbo boas palabras por parte dalgunhas, non se concretou nada.

Manuel Vilar: Temos en conta que este é un ano complicado e entendemos que os recursos van destinados cara a outras necesidades. Por iso, o máis previsible é que a segunda parte da historia de Galicia se vaia facendo nos anos próximos. Neste 2021 inaugurarase a primeira parte, que está localizada no edificio conventual.

Divulgar o patrimonio é fundamental entre a xente nova.

M. V.: Facemos actividades coas escolas, xa que ahora non poden vir aquí. Desta maneira a rapazada pode ter contacto con estes elementos. Pero si é necesario divulgalo para que a xente teña referencias dese patrimonio e estea na memoria da sociedade.

Hoxe o neno que vén aquí desconoñece o material que hai e antes formaba parte da sociedade actual. O que queremos é que sintan que o patrimonio é parte da súa vida, que é propio deles e a vinculen coa súa cultura. Non se trata de querer volver ao de antes, pero si ver que o que temos hoxe é unha evolución. Os ordenadores non se entenden sen as máquinas de escribir, por exemplo.

Coa pandemia todo viuse afetado. A pesar de todo, hoxe, máis ca nunca, son necesarias as visitas, mesmo de xeito virtual?

M. V.: Si. Aínda que non podemos dicir que non a eses medios, o virtual non é o mesmo (sexa un museo ou unha reunión). A emoción dun museo está no real.

J. B.: Digamos que é como tomarse un descafeinado.

Está claro que visitar un museo implica toda unha experiencia visual, sensorial, perceptible totalmente cando o percorrido faise de xeito presencial. Con todo, a dixitalización permitiu achegar á sociedade a estes espazos para poder coñecer a través das pantallas as grandes creacións. Ao mellor sería esta unha boa maneira de atraer máis visitantes...

M. V.: Así é. De feito estamos actualizando a nosa web e temos visitas virtuais. Non queda máis remedio que facelo. Se non, sería un museo anquilosado.

Parece que aos museos locais lles custa darse a coñecer. Pero este, o museo etnográfico máis importante de Galicia, debería ser de visita obrigada.

M. V.: Custa porque hai que ter o personal e medios. Sempre se loita con estas deficiencias. De feito, moitas veces aquí fanse cousas por medio de voluntariado.

J. B.: E que se non fose polo voluntariado, este Museo non funcionaría, empezando polo propio padroado. Non só non cobramos, senón que tamén pagamos (risas).

Entón o problema deste Museo desde que naceu foi precisamente a infrafinanciación que tivo. E co tamaño que ten xa e cunha plantilla de mínimos de 12 personas para todo ten uns orzamentos anuais de medio millón de euros. Outros anos era menos. Está no límite da supervivencia sempre. Por iso non sempre podemos facer todo o que queremos. E nesa loita levamos máis de 40 anos.

M. V.: Temos unha gran colección, unhas grandes bibliotecas, temos fondos... e para facer visible iso hai que traballar moito.

Como podemos axudar na difusión e na súa visibilización?

J. B.: O problema é a falta de cultura de padroado que hai na sociedade. Un proxecto como o deste museo, nun país anglosaxón, tería patrocinios privados considerables. En España, estas cousas non se apoian, a non ser que sexa un club de fútbol (risas).

Ademais o 90 % do que hai aquí son doazóns. Desde a sociedade si houbo unha resposta desinteresada que permitiu que sigamos existindo. E temos un dato que confirma isto: temos case 2.000 socios.

Pero fronte a esa resposta popular ou social moi positiva, houbo unha resposta moi cutre das grandes empresas. Nós non somos un museo público, e aínda así o Goberno galego subvenciona o 60 %. Falta o respaldo económico por parte de quen pode.

Deseño: Carmen Botana

Nun xantar no Chocolate...

Por que se meteu nisto, don Justo? Ás veces na vida as cousas son froito do azar. Eu daquela era o xerente da comisión de cultura do Colexio de Arquitectos e contratei a Carlos García Martínez (o anterior director do Museo). E un día facendo un safari fotográfico sobre arquitectura contemporánea con Rafael Baltar, xantando no Chocolate, saíu a conversa de que Galicia necesitaba un museo etnográfico. Propuxémolo á xunta de goberno do Colexio, co apoio de Manolo Gallego, e se aprobou. E a partir de aí, empezamos falar cos históricos (con don Antonio Fraguas, Ramón Piñeiro...) e se montou un padroado. Logo conseguimos que nos cedesen (estaba en estado lamentable e ruinoso) o convento de Bonaval para o museo (cousa sorprendente nun concello aínda franquista, con Antonio Castro de alcalde e con Francisco Puy Muñoz levando Cultura.

Otero Pedrayo aceptou por carta ser o primeiro presidente do padroado, pero morreu antes de constituirse. Eu sempre dixen que para Carlos e para min o Museo é como o terceiro fillo.

06 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.