Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Non esquecer o galego fronte á choiva da desmemoria

Antela Editorial engadiu neste ano á “Colección Quiricos” do seu catálogo O país da choiva, obra recomendada para lectorado a partir dos dez anos. Esta novela foi escrita por Miguel A. Alonso Diz e conta coas fermosas ilustracións de Xosé Tomás, que adquiren unha apreciable relevancia durante toda a obra.

Artellado nun limiar e once capítulos, abre co texto “Esquecer” da man de Fran Alonso. Os protagonistas da novela, Fonso e Rosalía, decátanse que, do día para a mañá, toda a xente do seu redor esqueceu a súa lingua e comezou a falar outra diferente. Así, agás tres ou catro persoas da vila, son os únicos que non empregan o castelán e seguen a comunicarse en galego. Rosalía e Fonso non entenden nada, polo que deciden pedir axuda a Antonio, o douto bibliotecario do seu colexio, que lles explica que todo este súbito misterio está relacionado cunha choiva “desmemorizadora”. Xa que logo, para tratar de emendar este mal, haberá que axudar a todos e todas para que lembren o amor que profesaban pola súa lingua: o manancial das súas verbas e vehículo dos seus pensamentos.

Esta novela ilustrada xuvenil, que pon de manifesto a perda de falantes do galego e enxalza o valor do seu coidado e preservación, vén tamén acompañada dun útil material didáctico dispoñible en liña na páxina web do selo. Neste, xunto con actividades de comprensión e expresión escrita, así como de creatividade plástica, incítase á investigación sobre certos personaxes que aparecen nas ilustracións do volume, todos eles figuras sobranceiras das nosas letras: Castelao, Luz Pozo, Manuel María, Lois Pereiro, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Antonio García Teijeiro, Yolanda Castaño e Paco Martín, xunto co estadounidense Walt Whitman. Preséntase así unha excelente proposta editorial para que non esquezamos velar pola nosa querida lingua

inesmosquerac@gmail.com

07 oct 2022 / 20:32
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.