Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Pegerto Saavedra. Catedrático de Historia Moderna da USC e escritor

“Non hai acordo sobre que mosteiro foi primeiro: uns din Sobrado; outros, Oseira”

É este libro, La opulencia de los hijos de San Bernardo (Prensa Universitaria Zaragoza) unha historia do mundo rural galego na época moderna?

En certo modo si, aínda que non é unha historia completa do mundo rural, pois para iso habería que tratar de moitas cuestións que no libro case non se mencionan (demografía, cultura, etc,). Pero claro, os mosteiros tiñan dilatados dominios territoriais cedidos en foro ou en arrendo aos labregos (e tamén a algúns fidalgos), e xa sabemos que en Galicia a terra era todo pola unión que había entre as familias e o patrimonio da casa na que habitaban, unha unión non só económica senón vital, como ten sinalado Ramón Otero Pedrayo cando falaba dos preitos por razóns de propiedade de leiras ou montes. De modo que o estudo dos mosteiros leva, necesariamente, a considerar as relacións que mantiveron cos labregos que eran colonos seus, unhas relacións moitas veces conflitivas, porque os foros eran cesións de longa duración, pero chegaba un momento no que caducaban (“vacaban”), e entón os abades legalmente podían quitar as terras ás familias que as viñan traballando desde tempos recuados, e isto daba orixe a preitos, motíns e a outros atagallidos, que na década de 1760 levaron ao Consello de Castela, o máis alto tribunal da monarquía, a suspender os desafiuzamentos para impedir que os labregos fosen expulsados das súas explotacións ou se convertesen en arrendatarios en precario.

Di na introdución que este traballo “foi iniciado hai máis de tres décadas”. Sorpréndeme tanto tempo!

Pois si, o tempo pasa sen que nos decatemos. A fins da década de 1980 publiquei un traballo longo sobre o mosteiro berciano de Carracedo, e logo centreime nos cistercienses de Galicia, primeiro para estudar as contabilidades e a partir delas o sistema agropecuario (produción de viño, cambios nos cultivos cerealeiros), e despois para interesarme polo funcionamento das propias comunidades monásticas, polos conflitos cos colonos, pola alimentación dos monxes e dos criados ou polas inversión nas obras que permitiron levantar as grandes fábricas barrocas que hoxe podemos ver, e que constitúen un patrimonio extraordinario.

Que importancia social e económica ten o Císter en Galicia?

Como é sabido, o Císter tivo unha presenza extraordinaria en Galicia debido a circunstancias políticas e relixiosas que no seu momento estudou o profesor Ermelindo Portela. Non é doado atopar un territorio en Europa con tal cantidade de mosteiros (en proporción a superficie), a moitos deles ademais moi ricos ou opulentos, como sinalan as fontes da época e acreditan as contabilidades (por certo, a verba opulencia ten un significado positivo, pois equivale a abundancia de bens). A fins do XVIII nos 13 mosteiros masculinos de Galicia residía o 40 % dos monxes bernardos de toda España, e Oseira e Sobrado figuraban entes os máis poderosos da Congregación de Castela.

Na época que estudo o impacto dos mosteiros nótase antes de nada na cobranza de cuantiosos rendas satisfeitas por miles de labregos, pero tamén na compra de alimentos e roupas e na contrata de abundante man de obra, sexan criados, arrieiros, canteiros, escultores, pintores, carpinteiros... Os arredores das abadías eran un fervedoiro de xentes, desde pobres que pedían esmola todas as mañás ate mestres de arquitectura recoñecidos. E non hai que esquecer tampouco os mosteiros tiñan numerosos prioratos repartidos polo territorio,con casa prioral, capela, paneiras e bodegas, que eran centros de cobranza de rendas e de demanda de traballo e de diversos produtos. En cambio o impacto cultural nas parroquias pola vía da asistencia relixiosa ou do ensino foi escaso.

Fálanos do mestro cisterciense San Bernardo de Claraval?

A verdade é que pola época da que me ocupo falo pouco de Bernardo de Claraval, aínda que na implantación do Císter en Galicia ten unha importancia extraordinaria. Salvo Penamaior (e Castro de Rei, reducido a priorato en 1505) os mosteiros galegos son filiais de Claraval, a grande abadía gobernada por san Bernardo e importantísimo foco de difusión o Císter. Varias son as casas fundadas directamente por este gran impulsor (non fundador) da orde, e tanto as anteriores a 1153, data de morte de Bernardo, como despois seguen o as normas ditadas por este santo, moi evidentes na austeridade de arquitectura e en xeral nunha espiritualidade rigorosa, que condicionaba toda a vida dos monxes, desde o coro a alimentación. Co tempo sen embargo, as normas fixéronse mais tolerantes e nos séculos dos que me ocupo xa case non queda rastro do traballo manual dos monxes, a alimentación pasara a ser sinal de poder social e a arquitectura e escultura acadaran características ostentosas.

Os monxes cistercienses foron uns adiantados tecnoloxicamente?

Durante un tempo a bibliografía insistiu moito nas novidades que os bernardos introducirían na explotación do patrimonio, tanto a nivel técnico como na xestión, e tamén mesmo na arquitectura. Hoxe entendo que os medievalistas matizaron bastante a posición. O Císter aparece nunha época de grande expansión demográfica e económica en Europa, e os mosteiros son axentes deste proceso e ao tempo aprovéitanse del. Non se debe restar importancia á fundación de granxas, á posta en cultivo de novas terras, á creación de infraestruturas (muíños, canles...), mesmo á aparición dunha arquitectura austera e sobria e que trata de dar resposta ás necesidades concretas de comunidades que asumen una nova espiritualidade. Pero tampouco hai que esquecer que os mosteiros axiña se converteron en institucións rendistas, e que desde os primeiros momentos tiñan conversos ou outros traballadores que libraban aos monxes das tarefas máis pesadas.

Cal foi o primeiromonasterio cisterciense fundado en Galicia?

Non hai consenso neste punto. Para algúns especialistas moi autorizados a primeira fundación sería a de Sobrado, en 1142, cando nesa data toman posesión do mosteiro, entón abandonado, un grupo de monxes enviados desde Claraval polo propio san Bernardo. Sobre isto non hai dúbida, pero algúns autores sosteñen que un ano antes, en 1141 polo tanto, Oseira, que fora fundado en 1137, recibiu os primeiros monxes cistercienses; outros argumentan que a data de Oseira debe atrasarse.

Que vai encontrar nestamonografía o lector que sinta curiosidade?

O meu propósito foi facer un estudo das comunidades monásticas e do medio no que están situadas desde unha perspectiva global, pois deben considerarse non só como empresas que xestionan un patrimonio que produce unhas rendas senón como institucións sometidas a unha regra, que teñen a súa razón de ser na dedicación ao culto divino e que as decisións que toman os monxes, tamén as de tipo económico, non se entenden se se prescinde destas realidades. Por outro lado, e como indiquei ao comezo, é preciso atender as relacións dos mosteiros cos colonos, sexan de tipo conflitivo ou non, pois o control e defensa do patrimonio ocupou moitas enerxías dos relixiosos, que debían loitar día a día co que eles consideraban a malicia campesiña.

Podemos dicir que este é o traballo máis completo sobre a traxectoria das diversas comunidades bernardas?

Bueno, como autor non son a persoa máis indicada para facer tal afirmación. Felizmente hoxe contamos monografías moi valiosas sobre determinadas mosteiros do Císter. Se acaso, as novidades que ten este libro están en que abarca desde fins da Idade Media ate a desamortización, atende a un número elevado de mosteiros dependendo das fontes conservadas (uns teñen mellores arquivos ca outros; quedou fóra o mosteiro feminino de Ferreira, porque cando comecei as investigacións o seu arquivo non era de doada consulta polos limitacións que impón a clausura), e quere abordar o estudo desde unha perspectiva xeral, tanto da vida das comunidades como do medio social no que estaban asentadas.

Como está a familia do Císter, sabendo que o seu poder e influencia non son o mesmo? Segue unida?

O Císter foise recuperando en Europa durante o século XIX, despois das revolucións liberais que levaran a exclaustración e mesmo a abolición da orde. En España o proceso de revitalización tivo lugar sobre todo na primeira metade do XX e en Galicia, como é sabido hai tres mosteiros habitados: o feminino de Ferreira de Pantón, no que a vida relixiosa tivo continuidade ate o presente, porque as monxas non foron obrigadas a saír dos mosteiros cando a súa riqueza foi nacionalizada e desamortizada, e os de Oseira (no que recuperou a vida relixiosa en 1930) e o de Sobrado, no que se instalaron desde hai poucos anos os bernardos (antes tiveran un tempo os bieitos). En todo caso, a nivel xeral non hai unidade dentro da orde, dividida desde 1893 en dúas correntes: a chamada Orde Cisterciense da Común Observancia, que a súa vez ten congregacións territoriais, e a Orde Cisterciense da Estrita Observancia , á que pertencen Sobrado e Oseira (e todos os mosteiros masculinos de España, menos Poblet), e que non ten congregacións.

$!“Non hai acordo sobre que mosteiro foi primeiro: uns din Sobrado; outros, Oseira”
Gran estudoso
Currículum

Nas súas investigacións abordou o estudo do mundo rural nos séculos XVI- XIX desde unha perspectiva demográfica, económica, social e tamén cultural, con especial atención nos últimos anos á traxectoria dos mosteiros cistercienses, ao clero parroquial e á fidalguía de pazo. É autor de ducia e media de libros, entre os que cabe citar ‘Economía, política y sociedad en Galicia: la provincia del Mondoñedo, 1480-1830’, ‘A Facenda real na Galicia do Antigo Réxime’ , ‘La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen’ , ‘Das casas de morada ó monte comunal’, ‘Señoríos y comunidades campesinas en la España del Antiguo Régimen’ e ‘El siglo de las luces. Cultura y vida cotidiana’ (en coautoría con Hortensio Sobrado). Con Ramón Villares editou ‘Señores y campesinos en la península ibérica (siglos XVIII-XX)’.

06 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito