Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova campaña Toponimízate en dezasete concellos

    LINGUA GALEGA O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, presentaron este mércores a quinta edición da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra.

    A iniciativa de divulgación da toponimia galega, coordinada pola RAG en colaboración coa Xunta, duplica a súa oferta de actividades e chegará a 17 concellos da man de Vicente Feijoo, coordinador técnico de Galicia Nomeada e especialista en toponimia do Seminario de Onomástica.

    Na súa intervención, Valentín García fixo fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”.

    Salientou nesta liña que cómpre, ademais, promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “facer partícipe o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

    O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar a moitos colaboradores para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

    Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.

    Así, haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do risco que corre de perderse, das utilidades prácticas para a administración, o mundo da investigación e a sociedade en xeral e do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello.

    Neste último apartado, contarase ademais coa colaboración para a elaboración de todas estas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da Real Academia e profesor da Universidade de Vigo. redacción

    09 jun 2022 / 00:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito