Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo mapa para as bibliotecas galegas

Diagnosticará a situación e permitirá garantir o seu acceso a lugares onde non contan con elas

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, anunciou onte que a Xunta de Galicia traballa na elaboración dun mapa de bibliotecas, que contarán cun aumento do investimento en 2021 ata os 7,4 millóns de euros. Así o manifestou onte no Parlamento de Galicia onde fixo balance da actividade neste eido desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de 2012.

“Dispoñer dun sistema bibliotecario robusto é imprescindible porque son un dos soportes fundamentais que aseguran o dereito de acceso á cultura e Galicia supera a media de España de comunidades con mellor ratio de bibliotecas por habitantes e debemos ser ambiciosos para garantir estes servizos nos lugares onde non os hai co esforzo de todas as administracións públicas”, indicou en referencia aos datos do Anuario de Estatísticas Culturais de España que cifra en menos de cen os concellos galegos que carecen de biblioteca local na Comunidade galega.

Recordou que un dos obxectivos máis inmediatos da Xunta é o de concretar novas ferramentas de cooperación coas administracións locais que permitan coñecer as necesidades bibliotecarias de cada unha delas.

O Goberno autonómico elaborará o segundo mapa de bibliotecas de Galicia, unha ferramenta posta á disposición de concello que amosará a situación actual e permitirá facer diagnose de necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio. Desenvolverase o proxecto de bibliotecas itinerantes para garantir o acceso deste servizo á maior parte dos usuarios na Comunidade.

Maior cooperación. “Temos que seguir traballando para dispoñer dun sistema bibliotecario que se adapte aos tempos, que innove e resolva os retos de futuro e que atenda a toda esa poboación que o demanda, que é de case dun millón de persoas e que ten necesidades novas para o que é imprescindible ampliar os territorios con este servizo”, engadiu.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo tamén balance das medidas postas en marcha desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de Galicia que, como indicou, permitiu reforzar a cooperación entre os axentes con competencias nesta materia.

Inclúense subvencións para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas para o que este ano se dedicaron 850.000 euros; as axudas para equipamentos culturais de concellos cun investimento de 500.000 euros, así como a potenciación do papel da Biblioteca de Galicia como institución central do Sistema Galego de Bibliotecas incluíndo a posta en marcha da biblioteca dixital Galiciana e garantiu a aposta do Goberno autonómico por seguir impulsando a dixitalización e a innovación nas bibliotecas.

Creouse o Sistema Galego de Bibliotecas así como o Consello de Cooperación Bibliotecaria de Galicia para a cooperación entre as distintas administracións e desenvólvese desde entón unha política anual de axudas a concellos.

30 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.