Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Novos flashes de Ursula Heinze

O pasado venres á tardiña, no salón da Casa da Cultura do Concello de Brión, tivo lugar o acto de presentación do segundo volume de Flashes (Ed. Fervenza, 2020) da escritora xermano-galega Ursula Heinze (nacida en Köln, 1941) e narradora, poeta, profesora de Ensino Medio e Universitario, de alemán e castelán, en Alemaña, Valladolid e Santiago, cun dilatado e plural currículo no ámbito literario, en alemán e galego.

Flashes II é a segunda parte dun díptico (polo de agora) que constitúe unha guía ou mapa persoal, claramente autobiográfico, de breves ou moi breves prosas que debuxan un retrato da mesma escritora ao longo dunha extensa temporalidade e dunha variada xeografía pola que esta frecuente viaxeira (amante do avión) vai “disparando” unha serie de novos flashes de natureza fragmentaria; prosas curtas de variada e dispersa materia narrativa, mais toda ela -temas e motivos- enraizada directamente na narradora-protagonista: viaxes, anécdotas, xuntanzas, pequenos sucesos, relacións, recordos e figuras familiares, opinións e xuízos alternan nestas case duascentas páxinas que, no que atinxe á tonalidade expresiva, van dende o humorístico (ata o humor negro: o caso da perna ortopédica que chega á casa máis veloz que o seu propio usuario) ao instrutivo e sentencioso, exemplarizante, pasando pola voz da experiencia vivida. En termos literarios, beben estes escritos da fabulística, do epistolar, do memorialismo e do didactismo aínda.

A arquitectura textual debuxa un modelo conclusivo que descarga a tensión da mensaxe ao final, marcado polo emprego das cursivas (“A xuventude sabe moito, agás do que debe saber”; “O triste é que non lles importa a ignorancia”; “Resulta difícil que unha persoa acepte un ‘non’” etc.). Resultan tanto máis eficaces canto máis breves e nalgún caso -o coñecemento de linguas- constatamos certa reiteración. A variedade, porén, é lei xeral nestes flashes nos que salienta a personalidade da escritora, a súa cosmovisión no vital e intelectual, e a súa sensibilidade e percepción do paso do tempo.

Flashes é, a un tempo, un libro novo, mais tamén de continuidade no que está suprimida a ficción ou, máis precisamente, trátase dun caso de autoficción/autobiografía que hoxe é tendencia xeral na narrativa, especialmente entre as xeracións máis novas de escritoras. O fotográfico-instantáneo do tempo do título non se refire ao estoupido efémero de luminosidade da prosa, senón máis ben a aquilo que se esvaece no tempo, mais revive na memoria. O lector constata, xa dende as primeiras páxinas, a sinxeleza desta prosa coa que se familiariza ben cedo pola súa ausencia de énfase retórica, polo seu ton menor e a súa veciñanza aínda co rexistro oral. Estamos diante dunha escrita madurecida que adquire un acento reflexivo-meditativo e, paralelamente, unha intencionalidade crítica, reivindicativa e contestataria que, ás veces, semella impregnada de nostalxia e melancolía; noutras rexeita unha radical desconformidade con aspectos degradados do presente.

Non todos os textos aquí recollidos teñen unha feitura de redondeada realización; algún decae ou esmorece antes de rematar; aínda así, sempre atopamos olladas e observacións, detalles cos que concordamos. Nestes novos Flashes temos unha nova xeira na produción escrituraria de Ursula Heinze, agora cun grao mínimo de literaturización e máximo de persoal contacto coa palabra e a memoria, co paso do tempo, coas vivencias e lembranzas que agroman nun proceso de fonda autointeriorización que este seu libro -na nosa lingua, como é habitual- testemuña: mostra dunha muller “algo botada para adiante”, que continúa a sentir a paixón pola vida e a literatura. E asina como Ursula Heinze de Lorenzo. Nin máis nin menos.

22 may 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.