Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Núñez Feijóo exalta o legado intelectual da Xeración Nós na Galicia contemporánea

A exposición sobre este colectivo chegou a Ourense, cidade onde se desenvolveu gran parte da súa actividade cultural

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte a importancia de Ourense no legado cultural e intelectual da Xeración Nós, un dos colectivos “máis transcendentais” da nosa historia contemporánea.

“Ollar a revista Nós é viaxar no tempo a unha cidade bulideira. Unha urbe onde se escoitan os faladoiros de café e se impoñen os edificios modernistas de Vázquez-Gulías. E por iso, a apertura desta exposición non é tanto un regreso a casa, como un reencontro, porque Ourense sempre estivo en Nós”, dixo, durante a inauguración na cidade das Burgas da exposición Galicia, de Nós a nós.

Tras recibir 15.000 visitantes na Cidade da Cultura, Feijóo salientou que ata o 18 de abril, os ourensáns poderán admirar nesta mostra que se reparte entre o Centro Cultural Marcos Varcárcel e a sala de exposicións Afundación: os 134 números da revista Nós e as máis de 300 pezas procedentes de máis de 60 institucións culturais e coleccionistas privados.

Entre o contido da mostra, o titular da Xunta referiuse á Carta Xeométrica de Galicia, trazada por Domingo Fontán; así como ás numerosas pezas que falan do papel que desempeñou Ourense para a Xeración Nós, entre as que destacan, un cartel orixinal do pintor Cándido Fernández Mazas ou as noticias da cidade que figuran na revista.

Ao longo da súa intervención, Feijóo aseverou que aos integrantes da Xeración Nós debémoslles a semente dunha terra que non ve fronteiras, senón encontros; “que non ve muros, senón Camiños con maiúsculas, como os que agora abrimos ao mundo a través dos Camiños de Santiago”, abundou, e concluíu resaltando e agradecendo o traballo dos comisarios: Ana Acuña e Afonso Vázquez Monxardín, así como a colaboración institucional da Deputación de Ourense,

personalidade diferencial. Pola súa parte o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo que se trata da exposición máis completa sobre o movemento cultural, político e social “máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista”. Tamén resaltou que “somos herdeiros de Nós, e esa marca da nosa personalidade diferencial, como eu a defino, permanece”.

Baltar remarcou que “non podemos permitir a desmemoria; non entendo o feito penoso de que algúns propiciaran o desleixo e non celebraran este centenario da Xeración Nós, porque esta exposición é un exemplo do noso e nos transmite conciencia e responsabilidade”.

“Convido e agradezo a todas as persoas que poidan achegarse a esta mostra e que se sintan herdeiros dunha xeración única; como dicían as primeiras verbas da revista: Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos”, concluíu Baltar.

25 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.