Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Nya de la Rubia e Xil Ríos levan esta noite os seus ritmos
ao escenario de ‘Bamboleo’

En ‘Facendo as Américas’, os espectadores coñecerán a Antonio Drauzio Varella, un oncólogo, científico e escritor brasileiro

A festa está asegurada esta noite en ‘Bamboleo’, que contará coa presenza dunha histórica formación: a orquestra Los Satélites. Ademais, está convidada Nya de la Rubia, artista sevillana que triunfa como compositora, cantante e actriz. Nya iniciouse no mundo da interpretación e hoxe visita o programa que conduce Xosé Manuel Piñeiro para presentar o seu novo disco: ‘Raíces’.

Xil Ríos será outro dos convidados que hoxe pasará polo escenario de ‘Bamboleo’ para interpretar as súas cancións. Serán temas cheos de ritmo e sabor cubano como ‘Xa caerá’ ou ‘O baile lévase dentro’.

Os colaboradores do programa, Tamara Pérez e Claudio Pan, traerán divertidos xogos para os convidados e Isi volverá repartir risas cos seus divertidos relatos. Na sección de baile, estará a parella de Narón formada por David e Jessica, que realizarán dúas exhibicións de baile deportivo coas que conseguiron grandes éxitos en competicións internacionais.

Carmen Blanco e Fran de Leña serán os participantes desta noite no ‘Agora ou Nunca’. Cantarán os temas ‘Muero por la copa’, de Marifé de Triana, e ‘Carolina’, de M Clan.

En ‘A Jrileira’ competirán dous clubs deportivos: o Atlético Arnoia e o Club Deportivo Freestyle Slalom de Vigo. O equipo gañador conseguirá un gran premio para sortear entre a afección. Finalmente, coa ‘ITV do Amor’, chega o momento perfecto para xogar desde a casa. Melani e a súa parella deberán despistar unha persoa do público para facerse co premio.

‘FACENDO AS AMÉRICAS’. No programa de hoxe de ‘Facendo as Américas’, os espectadores coñecerán a Antonio Drauzio Varella, un oncólogo, científico e escritor brasileiro. Antonio Drauzzio é neto dun pastor de ovellas nado nas Vendas da Barreira, no concello ourensán de Riós.

Graduado pola Universidade de São Paulo e fundador da Universidade Paulista, é moi coñecido no Brasil por popularizar a información médica a través de intervencións en programas de radio, TV e Internet. Pioneiro na investigación do cancro e do VIH, tivo un papel moi mediático na pandemia da covid-19, posicionándose en contra do movemento antivacinas.

El e a súa dona, unha actriz que foi mestra do propio Drauzzio, reciben o equipo de ‘Facendo as américas’ na súa casa do Río de Xaneiro, no barrio de Leme, moi preto do Pão de Açúcar.

COVELO. ‘Desertores do Asfalto’ diríxese este sábado a Covelo, un concello da comarca da Paradanta. A uruguaia Isabel, no lugar do Piñeiro de Areas, contaralle á presentadora do programa, Rocío Barrio, todos os proxectos que impulsa para repoboar o lugar de orixe da súa familia.

O espazo coñecerá tamén a Bechina, o xefe de obras voluntario que axuda no seu soño e a Miguel, un ‘desertor’ que chegou a Covelo percorrendo estradas baleiras en pleno confinamento. ‘Desertores do asfalto’ paseará, ademais, xunto ao fermoso río Xabriña con Julio, biólogo, fotógrafo e guía da natureza. E, por último, gozará dunha visita ao museo da cera en Montes Paraños, onde se conserva e amosa a importancia do oficio dos cereiros nesta terra tan acolledora.

03 sep 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.