Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O audiovisual galego recibe 2,5 millóns en axudas para 14 novas películas e series

Publícase a adxudicación das subvencións da Xunta á produción e coprodución, as de maior dotación das convocadas este ano

Acaba de facerse pública a resolución de concesión da convocatoria anual de subvencións da Xunta de Galicia para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais, a través da que inviste 2,5 millóns de euros en catorce novos filmes e series presentados por trece empresas galegas do sector.

Trátase da liña de axudas de maior dotación das oito que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicará ao longo deste exercicio especificamente para o audiovisual galego, tanto a través do programa anual de fomento do seu departamento de Industrias Culturais como do apoio extraordinario que están a supoñer as medidas habilitadas no marco do Hub Audiovisual.

Con esta nova adxudicación, impulsarase a posta en marcha de once longametraxes (nove de ficción en imaxe real, unha documental e outra de animación), una serie televisiva documental e dúas curtas, unha delas de ficción e outra documental, que chegarán nos próximos anos á pequena é a gran pantalla.

Rodaxe en galego. Trátase de propostas moi diversas en canto a temáticas e xéneros, que na meirande parte dos casos se rodarán en versión orixinal galega.

A gran maioría ten contado, ademais, con apoio económico do Goberno autonómico desde a súa fase de preprodución como adxudicatarias en anos anteriores das convocatorias para escrita de guión e/ou para desenvolvemento de proxectos.

Neste caso atópanse, por exemplo, sete das fitas subvencionadas na modalidade de longametraxe de ficción.

Así, a cooperativa Sétima contará cunha achega de 245.744 euros para producir As liñas continuas, segunda longa da directora Anxos Fazáns, mentres que recibirán unha subvención de 255.577 euros cada unha as produtoras Gaitafilms para levar a cabo Monstro, do realizador Andrés Goteira; Filmika Galaika para Onte á noite conquistei Tebas, coprodución con Portugal que dirixirá Gabriel Azorín; Justicia Artificial AIE para Xusticia artificial, de Simón Casal de Miguel; Maruxiña Film Company para Así chegou a noite, de Ángel Santos; Portocabo TV para+Cuñados, secuela da súa primeira película cinematográfica, e Zeitun Fims para Tralovento, de Eloy Domínguez.

Tamén a produtora Rebordelos recibiu unha axuda previa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades para desenvolver o proxecto de Recordos. Saúdos. Apertas, película documental que asinará Xacio Baño e que agora é adxudicataria doutros 52.257 euros para materializar a súa produción.

Atópanse, así mesmo, na listaxe de propostas subvencionadas polo Goberno autonómico as longametraxes San Simón, presentada por San Simón La Película AIE, e Para ver o mar, de TEX45 Producións, ambas subvencionadas con 255.577 euros, así como as curtas Véxote (e non me entero), de Noemí Chantada, e O son das abellas, de Fon Cortizo, con 14.744 euros cada unha, respectivamente.

En canto ás dúas novas modalidades que se incorporaron en 2022 a esta liña de apoio, Ficción Producciones resultou beneficiaria na categoría de series documentais por Una historia de crímenes (78.639 euros) e Filmika Galaika, na de coprodución internacional con participación minoritaria galega por As estacións (49.149 euros).

Os resultados obtidos a partir das convocatorias de edicións anteriores confirman o efecto multiplicador deste investimento público anual, que ademais de dinamizar a contratación de servizos e profesionais vinculados directamente á produción audiovisual, ten un considerable impacto económico e de proxección exterior para as contornas que acollen as súas rodaxes.

A través das subvencións á produción e coprodución de 2020 e 2021, 31 produtoras galegas resultaron beneficiarias dun total de cinco millóns de euros para 42 obras audiovisuais, cuxos orzamentos globais suman máis de 26 millóns de euros (10,6 millóns en 2020 e 15,7 millóns en 2021, respectivamente).

Programa anual
Apoio en todas as etapas

···Estas axudas son, ademais, un dos piares do programa anual de axudas ao sector a través do que a Xunta apoia economicamente as empresas en todas as etapas do proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e as fases de preprodución, rodaxe e posprodución ata a súa difusión, comercialización e exhibición. O seu obxectivo é facilitar a recuperación do sector, ademais de contribuír á súa consolidación e crecemento a medio e longo prazo. Este acompañamento refórzase durante o período 2021-2023 coas diferentes iniciativas impulsadas polo Goberno galego mediante o seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, que este ano puxo xa en marcha a segunda convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes cunha dotación de dous millóns e as axudas para o desenvolvemento de paquetes de propostas, a través da que se acaban de adxudicar 1,2 millóns a doce produtoras galegas para propiciar os traballos previos e simultáneos de 47 proxectos para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda.

08 ago 2022 / 23:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito