Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

‘O axolote e outros contos de bestas e auga’, de Lara Dopazo Ruibal, Premio Illa Nova de Narrativa 2020

A autora reivindica o conto como un xénero en si mesmo

SANTIAGO. Este xoves presentouse no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago o libro O axolote e outros contos de bestas e auga, de Lara Dopazo Ruibal, gañador do Premio Illa Nova de Narrativa 2020, nun acto no que participaron a propia autora, o director de márketing e comunicación de El Corte Inglés, Pati Blanco, e Francisco Castro, director xeral de Galaxia, editora do libro. Lara Dopazo explicou que o traballo está composto por “13 contos que teñen en común o sobrenatural, a presenza de besta e auga e un punto desacougante con finais abertos”. Comentou que este libro é a súa primeira publicación en narrativa -ata o de agora foron de poesía-, e que para ela supón un gran respaldo, polo dobre aval que supón: por unha banda, o cambio de xénero e por outra, por ter detrás unha editorial como Galaxia. Reivindicou o conto como un xénero en si mesmo, “o conto é o xénero grande da tradición galega”.

Pati Blanco, director de márketing e comunicación de El Corte Inglés, agradeceu a Galaxia a oportunidade de que a firma sexa patrocinadora deste premio desde a primeira edición, hai xa 4 anos, e afirmou que isto supón reafirmase nunha aposta pola narrativa galega nova que permite sacar á superficie a calidade desta nova xeración de creadores galegos. Finalizou a intervención recomendando o libro como o complemento perfecto para o agasallo de Nadal.

Francisco Castro, director xeral de Galaxia, deulle as grazas fixo orecíproco o agradecemento: “sen El Corte Inglés nós non poderíamos soster durante catro anos un premio que xa é un clásico no sistema literario galego”. Deulle a noraboa a Lara por formar parte dos gañadores e lembrou que o Premio naceu inspirado na colección mítica, co mesmo nome, que creou Xaime Isla, un dos fundadores de Galaxia, na década dos 60, para dar voz a escritores novos como Carlos Casares, Méndez Ferrín ou María Xosé Queizán, que a día de hoxe contan con gran recoñecemento.

O premio Illa Nova naceu no año 2017 coa chegada de Francisco Castro a dirección de Galaxia, coa mesma pretensión, “a de crear canteira”, “e que ten una singularidade especial: para poder optar o premio hai que ter menos de 35 anos o día do fallo do Xurado”. Sobre o libro gañador desta cuarta edición, Francisco resalta que é a primeira vez que o gaña un libro de relatos -nas edicións anteriores foron novelas- e resalta as boas críticas que está a recibir, destacando a calidade da autora para fabular o sobrenatural. Rematou recomendando tamén os libros como agasallos de Nadal e destacando a importancia da Cultura sempre, pero sobre todo neste tempo de pandemia que nos permite liberar la mente.

SOBRE O LIBRO - PREMIO ILLA NOVA DE NARRATIVA 2020

Nestes relatos atoparás unha ducia de historias lostregantes que teñen como elemento común o sobrenatural. Contos que combinan o desacougo co humor, o improbable co imposible, o humano e mais o natural, todo superposto e fundido nunha colección de historias de prodixios e arrepíos. A auga e os animais –tamén outras bestas– cobran protagonismo nestas páxinas. A autora logra dosificar a intriga e mostra un dominio da tensión para crear atmosferas envolventes e inquietantes. Cunha prosa suxerente e de grande altura estética, introdúcenos noutras épocas e latitudes con mestría e logra conmovernos en cada relato.

SOBRE A AUTORA

Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) é licenciada en Xornalismo. Como autora publicou “Os lobos na casa de Esaú” (Chan da Pólvora, 2017), “claus e o alacrán” (Espiral Maior, 2018) e “ovella”, poemario co que gañou o Certame Francisco Añón. É coautora e coeditora de “A través das marxes: Entrelazando feminismos, ruralidades e comúns” (Bartlebooth, 2018). Foi artista residente na Real Academia de España en Roma no ano 2019. Adoita traballar no eido da comunicación. Con “O axolote e outros contos de bestas e auga” gaña o Premio Illa Nova de Narrativa 2020.

17 dic 2020 / 13:50
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.