Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“O boom de YouTube xa pasou, agora o que está de moda é TikTok”

María Rúa, máis coñecida como PradoRúa a youtubeira e tiktoker galegofalante de moda, fai fincapé na importancia da normalización da lingua galega

María Rúa ou máis coñecida como PradoRua en YouTube é unha das novas youtubeiras e tiktokers galegas de moda. Naceu en Ourense, aínda que di sentirse da aldea dos seus pais e estuda Educación Infantil na Uvigo.

María cóntanos que comezou coa canle durante o confinamento “polo tempo libre, entre comiñas porque co telecole non paraba de traballar e estudar, pero pensei que era o momento de comezar coa canle. Xa fixera un vídeo cunha amiga para a súa, que era de fotografía e vin que me empezou a gustar e como xa seguía a outros youtubeiros animeime.”

Na canle de PradoRua pódese atopar dende vídeos de maquillaxe, peiteado, vídeos de educación ou de cultura galega, tamén cousas da súa vida ou incluso esta semana subiu un novo en colaboración con outros youtubeiros galegos. Defínese como unha persoa moi inquieta, por iso “na miña canle pódese atopar un pouco de todo, eu creo que son unha persoa bastante ecléctica e que lle gustan moitas cousas”.

Cada vez son máis os youtubeiros galegos que se animan a facer vídeos na nosa lingua. María móstrase esperanzada, “espero que creza a comunidade galega en YouTube, de feito este ano medrou bastante, algo que está xenial e ademais hai moita variedade. Pero falando con máis persoas que fan vídeos cremos que o boom de youtube foi máis en anos anteriores, e que agora o que está de moda é TikTok.”

Tik Tok é a nova rede social de moda, baseada en subir vídeos curtos tanto musicais como de humor, moda ou calquera temática, esta rede gañou cada vez máis adeptos durante o confinamento e chegou para quedarse. “Na canle de TikTok, a min gústame bastante bailar así que fago algún vídeo de baile pero tamén por exemplo con Cousasrarismas, que é outra youtubeira que fai vídeos de ASMR, fixemos unha coreografía a un discurso de Jácome, o alcalde de Ourense, e facemos cousas dese estilo, para rir” cóntanos.

Fai fincapé no uso do galego, “unha lingua para que se normalice ten que usarse en todos os ámbitos, entón o Youtube é un máis. Polas redes sociais entre as novas xeracións é o que se ten que facer, porque por sorte ou por desgraza pasamos moito tempo nelas así que creo que deberían de xurdir máis iniciativas en pro do galego.”

A porcentaxe de mozos que nunca falan galego disparouse en 15 puntos en tan só unha década, pasando do 29% ao 44% segundo datos do Instituto Galego de Estadística (IGE). Cando lle preguntamos como ve a situación do galego entre a mocidade dinos que “baseándome nas miñas experiencias a situación está mal, porque tanto no instituto como na universidade sempre a maioría falan castelán e uns poucos falamos galego. Logo se me baseo nos datos, que xustamente os estou estudando para unha materia, está fatal a situación ao non darse o traspaso xeracional do idioma”.

O traspaso xeracional do que fala a youtubeira é unha das principais problemáticas do galego, xa que cada vez menos nenos son criados na lingua galega, os últimos datos indicaban que o 31,20% da poboación de Galicia que ten fillos fálalles sempre en castelán e que entre os menores de 30 anos a aprendizaxe do galego deuse máis na escola que no ámbito familiar.

12 ene 2021 / 16:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.