Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O CCG recupera a prosa anovadora de Xela Arias nun libro de homenaxe

‘¡Non te amola!’ ofrece outras facetas menos coñecidas da autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas// Trátase dun conto que narra a súa nenez

Pensei que escribir un libro podía ser unha cousa ben inútil. Así se titula o último conto de ¡Non te amola! a obra narrativa na que Xela Arias, homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021, ficciona boa parte da súa nenez.

Este é o texto que o Consello da Cultura Galega (CCG) recuperou da autora no marco da edición conmemorativa coa que homenaxea á figura escollida cada 17 de maio. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na presentación da publicación que “proclama a importancia da escritura como forma intervención”.

Canda ela estaban a Amparo Castaño e Darío Gil, nai e fillo da homenaxeada; a profesora Ana Iglesias, autora do estudo crítico do texto; e Bea Gregores, responsable das ilustracións da publicación. Todos eles destacaron que este texto ofrece outras facetas menos coñecidas de Xela. O libro xa se pode descargar de balde desde o sitio web do CCG.

¡Non te amola!” é unha rareza na produción de Xela Arias. Primeiro porque é unha obra narrativa, a única incursión da creadora viguesa neste xénero. Segundo, porque ficciona boa parte da súa nenez e amosa unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta na actualidade. E terceiro, porque ten a súa propia intrahistoria.

Era un texto que a propia autora revisou e gardou nun caixón listo para publicar. Con todo, a obra condensa algunhas das características da súa obra literaria. “Representa moi ben á Xela Arias que sempre levou en si a nena de Ortoá e que nunca deixou de confiar na capacidade transformadora da literatura e da palabra” asegurou Rosario Álvarez no limiar do texto editado pola institución.

A obra amosa tamén modernidade e vangarda, marcas de identidade da autora e tamén permite exhibir o perfecto dominio do idioma e, en palabras da presidenta do CCG, “un impresionante instinto lingüístico que xoga coa gramática explora con mestría as súas claves moito máis alá dos límites nunca antes explorados”.

Edición especial. O Consello da Cultura Galega, na liña habitual de traballo para conmemorar a festividade das letras, fixo unha edición conmemorativa que conta cunha tiraxe limitada de 500 exemplares. O texto vén acompañado dun estudo introdutorio a cargo de Ana Iglesias, amiga persoal de Xela e profesora da Universidade de Vigo; e de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores (Vigo, 1985).

Os dezaseis contos que compoñen esta obra foron escritos arredor dos anos 1990 ou 1991, cando Xela contaba con case 30 anos de idade. Sábese que lle deron unha subvención para publicalos (nos rexistros da Consellería de Cultura e Xuventude, consta unha resolución do 26 de xullo de 1991 pola que lle conceden 25 000 pesetas para a edición) pero decidiu que quedarían no ámbito familiar, renunciou á axuda e gardouno nun caixón, ata agora.

en galego coloquial

··· En preto de sesenta páxinas, Xela introdúcese como unha nena de nove anos e permite falarnos da súa familia, pero tamén dalgúns dos seus temas preferidos como a aldea, os medos, a vida ou “a educación, de como esta pode converterse nunha imposición, contra a que te podes rebelar ou tamén aprender a navegar” afirmou Ana Iglesias.

··· A presidenta do Consello da Cultura Galega afirmou que “é unha obra en prosa, escrita nun galego coloquial verosímil como lingua espontánea nunha nena galegofalante; non hai neoloxismos desconcertantes nin equilibrios sintácticos nas fronteiras da gramática senón pura lingua galega nacida da vea máis auténtica do uso popular cotián”.

··· O texto vén acompañado das ilustracións de Bea Gregores. Unha iniciativa que segue a liña de acción da institución este ano de apostar polas novas vangardas e que está na liña do que representaba Xela Arias.

04 may 2021 / 16:54
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.