Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Cimus agradece a doazón de Kiko da Silva contra o cancro

“Oxalá houbera máis doazóns como a de Kiko da Silva para a investigación, sobre todo neste momento no que só hai ollos para a COVID-19 e esquecémonos da investigación noutras áreas biomédicas como a oncoloxía”, asegurou onte o doutor José Manuel Castro Tubío.

Unhas palabras coas que agradeceu a doazón dun total de 4.922 euros por parte do ilustrador e colaborador diario de EL CORREO Kiko da Silva, nun acto que tivo lugar en O Garaxe Hermético, a Escola Profesional de Banda Deseñada de Pontevedra.

Froito do traballo realizado para a campaña do entroido da cidade do Lérez deste ano e da subasta da ilustración orixinal do cartaz, a contía entregouse ao grupo de Xenes e Enfermidade do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC.

Un equipo que, entre outras cousas, descubriu que as primeiras mutacións que orixinan o cancro poden xurdir décadas antes de ser localizadas; aportación que abre a opción de adoptar medidas preventivas no futuro.

Neste sentido, e tal e como apuntou o doutor Tubío, cos case cinco mil euros “aproveitaremos para facer experimentos máis arriscados e complicados de levar a cabo con orzamentos públicos, pero que se dan bos resultados poden cambialo todo”.

O historietista, mestre e editor de banda deseñada, pola súa parte, defendeu a súa iniciativa como unha forma de aportar un gran de area para este investigadores, que “con recursos sempre insuficientes e moito sacrificio persoal axudan a mellorar a nosa calidade de vida, e as veces ata a salvar aos nosos familiares e amigos”.

Tras desexar que a pandemia “nos faga valorar como merece a investigación científica”, dixo agardar que “tanto a sociedade como a política outórguelles a dotación orzamentaria e concidións laborais necesarias para que os científicos do noso país non se vexan obrigados a emigrar a outros países”.

Kiko da Silva, quen xa decidira doar ao Cimus antes da crise do coronavirus, considerou que “a arte e a ciencia non se diferencian tanto, ambas son froito da creatividade do ser humano, e axúndanosa entender mellor o mundo no que vivimos”, aínda que sinalou que como a ciencia pode salvar vidas, “paréceme importante que os científicos non deixen de investigar”.

Lembrou que “xa vimos que todo se pode paralizar por un problema de saúde e o necesaria que é a inversión na ciencia”, neste caso no ámbito do cancro, “outra das patoloxías que máis está a matar ao ser humano”.

31 dic 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.