Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O CPEIG celebrará unha nova olimpiada Informática en 2023

A pre-inscrición estará aberta ata o 15 de decembro para estudantes de secundaria, bacharelato ou grao medio

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas –Universidade da Coruña (UDC), Universidade de Santiago (USC) e Universidade de Vigo (UVigo)– organizan a Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG 2023). O obxecto da OIG, destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio, é a promoción do coñecemento e das vocacións nesta disciplina da informática tan presente en todos os ámbitos hoxe en día.

O certame celebrarase de maneira presencial o 10 de febreiro, pola tarde na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática da Universidade de Vigo e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela).

A pre-inscripción estará aberta ata o 15 de decembro e é un requisito imprescindible para a posterior participación. Poderán inscribirse mozos e mozas que estean cursando a ESO, bacharelato ou un ciclo formativo de grao medio nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que non teñan máis de 20 anos o 1 de xullo de 2023.

A competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e eficiente de algoritmos. Os participantes poderán adestrar antes da competición inscribíndose nos adestramentos organizados polo comité pedagóxico da OIE, coa colaboración de antigos participantes da olimpíada e profesores de distintas universidades .

A OIG permitirá seleccionar a dous representantes galegos para participarán na XXVII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará en marzo de 2023 en Madrid, mentres que o resto de participantes mellor clasificados na olimpíada galega tamén recibirán premios. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en Hungría.

A OIG 2022 celebrouse o 11 de marzo nas tres facultades de informática de Galicia. No certame participaron 17 estudantes –13 rapaces e 4 rapazas–procedentes de once centros educativos das cidades da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, pero tamén de localidades como A Estrada, Culleredo, Noia, O Barco de Valdeorras e O Porriño. Este evento contou co patrocinio de diversas entidades e empresas do sector das novas tecnoloxías (Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, CITIC, Clúster TIC de Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Emetel, Extreme Networks, Google Cloud, Minsait, NetApp, Plexus e Sixtema).

O primeiro clasificado foi Óscar Carballo, natural de Castro de Rei e estudante do colexio Liceo La Paz da Coruña, que viaxou a Madrid xunto á segunda clasificada, Paula Taibo, estudante do IES Rego de Trabe de Culleredo, para participar na olimpíada española onde gañou unha medalla de bronce, mentres que a súa compañeira recibiu un diploma de mención como finalista do certame.

22 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito