Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O debate do galego: matar ao mensaxeiro

    Cando escribín o artigo titulado El gallego normativo, un producto de difícil venta sabía que certos colectivos ían ter algunhas dificultades para dixerilo. Un reflexo da súa reacción pódese ler nas liñas que María Pilar García Negro me adicou hai uns días no seu artigo O galego, ao lixo. Por iso me dirixo a ela anque o fago extensíbel a tódolos que pensaron de xeito similar:

    Nun rexistro diferente ó seu comezarei por agradecerlle a súa atención e o seu interese, ademais de transmitirlle todo o meu afecto e respecto pola súa traxectoria. Mais coa mesma cordialidade tamén lle direi que encontro pouco afortunadas as súas consideracións.

    Síntoo pero negar a realidade non a vai mellorar. Sei que na recreación textual do meu artigo hai algunhas xeneralizacións hiperbólicas mais os feitos están ahí para velos e interpretalos. Imaxino que non é doado encaixar estadísticas ou informes que din que o galego está ferido e que si seguimos facendo o mesmo que ata agora veremos a súa agonía. Entendo a frustración que eso lle xenera e por iso desculpo o descurso belixerante, a demagoxia, a pouca mesura emitindo xuízos de valor e o intento implícito de autoproclamarse moralmente superior.

    Mais algunha proposta constructiva detrás desa carraxe? Seguir coma sempre? Ou ir ós pobos de Galiza onde os rapaces falan castelán e obrigalos a eles e ós seus pais a usar máis o galego? Ca ameaza de que? Multas, coacción administrativa... erros e imposicións do pasado pero na dirección contraria. Se cadra iso merece algunha reflexión. A primeira: nun estado de dereito a liberdade das persoas é inalienábel e deben decidir por si mesmas, como máximo podemos tentar convencelas mediante a comunicación. A segunda: en democracia é obriga da clase política escoitar o que o pobo lle trasmite, non só simulalo cando chegan as eleccións e desprecialo se non lle gustan os resultados.

    Non creo que teña eu que explicarlle a vostede o que supuxeron para a nosa lingua os Séculos Escuros e o Franquismo, nin creo que sexa preciso falarlle de como estes dous períodos históricos influíron determinantemente na castelanización do galego hoxe institucionalizada. Nin tampouco creo que precise leccións de ningún tipo no que se refiere á loita por defender o noso. O que si lle vou recomendar é que faga unha revisión das súas conviccións, que por estar relativamente ben expresadas non deixan de quedar desfasadas:

    O galego reintegrado non é portugués nin é tan diferente ó galego actual na fala. O que si inclue é unha normativa que permite reencaixar letras, palabras e expresións en contraste ca normativa vixente, impropia da nosa lingua nai. Isto non só sería manterse fiel á historia se non que tamén incrementa a súa proxección internacional e por extensión a de tódolos galegos.

    Calquera podería deducir das súas palabras que considera o Reintegracionismo como unha corrente de ignorantes irrespetuosos que pretenden disolver a lingua galega en outra global. Mais lonxe diso o que se busca precisamente é devolverlle ó galego o seu lugar na historia e no mundo. Convídolle a que dea un repaso ás propostas actuais dese movemento. Entre outras poderá encontrar unha que se chama Binormativismo integrador: non é preciso eliminar nin substituir, simplemente reintegrar o galego e que poida convivir cas formas actuais sen forzar a ninguén a que vaia en contra da súa expresión natural, pero si facilitarlle legal e oficialmente o seu estudo e uso a quen así o decida. Estou seguro de que milleiros de galegos o farán.

    Se coñece estas propostas e igualmente escribiu ese artigo, cal é o seu medo? Cónstame que na súa propia formación hai xente partidaria desta fórmula, recoméndolle falar con eles/elas e abandonar o inmovilismo tal como se comezou a facer minimamente na revisión normativa do ano 2003 na que se introduciu unha lixeira “portuguesización” do galego como argumentaron malintencionadamente algúns críticos.

    Vostede recordará que palabras como “grazas”, “imposíbel” e outras tantas terminacións e morfoloxía non estaban recoñecidas hai 17 anos, mais agora son as defendidas oficialmente. ¿Por que non seguir nesta liña e recuperar outra morfoloxía e semántica como “obrigado” para mostrar agradecemento? Recentemente o único representante do seu partido no Congreso dos Deputados fixo uso del para finalizar a súa exposición, o que o presidente do goberno non só escoitou atentamente si non que repetiu cheo de razón. - Obrigado! Anímolle a vostede a que busque o termo no diccionario actual da Real Academia Galega a ver si esa acepción está recollida. Poderíamos dicir entón que Néstor Rego é tamén un inimigo do galego?

    Parece mentira que quen di máis quererlle á nosa lingua sexa quen estea lexitimando a súa castelanización e impedindo o seu renacemento mentres mira como morre. Unha vez máis na historia os galegos vemos un tesouro diante dos ollos e semella que non temos consciencia. Seremos capaces esta vez de recuperalo, restauralo e aproveitalo? Ou seguiremos agochando a testa mentres choramos, sinalamos e damos leccións de galeguismo?

    11 jun 2020 / 20:05
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.