Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Días das Letras implicará a toda a sociedade coa figura de Florencio Delgado Gurriarán

O pleno extraordinario da RAG, acto central da programación, terá lugar en Córgomo, a aldea na que naceu este poeta e político

A Real Academia Galega celebrará as Letras Galegas de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) cunha programación que achega propostas para todas as idades e que contará coa colaboración de novas figuras destacadas do tecido cultural do país.

O punto álxido da homenaxe será a sesión plenaria extraordinaria do 17 de maio, que terá lugar en Córgomo, a aldea onde naceu no ano 1903 e da que tomou un dos seus alcumes, Corgomófilo.

As iniciativas incidirán, dende o campo da investigación ata o audiovisual, en tres perfís fundamentais do autor, salientou o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes: “A dimensión como poeta e traballador da lingua que emprega o galego das terras de Valdeorras como ferramenta de creación, a de resistente democrático e a de figura fundamental do exilio mexicano nun momento de actividade extraordinaria”.

Freixanes presentou onte a programación que a RAG desenvolverá co gallo do Día das Letras Galegas que lle dedica ao escritor natural de Vilamartín de Valdeorras. Xunto a el interviñeron Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do homenaxeado, e Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio, que lle agradeceron á RAG que se fixese eco da reivindicación da sociedade valdeorresa dedicándolle o vindeiro 17 de maio ao autor.

O acto contou ademais coa presenza das académicas da comisión executiva da RAG, Margarita Ledo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde e a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez e Margarita Pizcueta Barreiro; e o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado.

O presidente da RAG gabou o gran labor de recuperación da figura de Delgado Gurriarán que desenvolveron Ricardo Gurriarán e os promotores do proxecto as Letras de Florencio, que culminará nestas Letras Galegas 2022, unha celebración, subliñou, na que a institución traballará arreo para facer chegar ás rúas a importancia da súa figura e de todo o que representa.

Farao cunha completa programación que se realizará co apoio da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia e Innovación, deputacións provinciais, concellos e a Fundación Barrié, entre outras entidades ás que lles agradeceu tamén a súa colaboración.

Ricardo Gurriarán puxo o acento na “integración” que Florencio Delgado Gurriarán concitou no exilio mexicano, no que foi “eixe vertebrador de todo tipo de actividades”, e destacou tamén a súa aposta pola lingua galega máis alá da poesía, defendendo o seu uso en todos os eidos, dende a medicina ao dereito.

Pola súa banda, Débora Álvarez Moldes confiou en que as Letras Galegas 2022 sirvan tanto para revitalizar a figura de Florencio Delgado Gurriarán como para poñer en valor as terras de Valdeorras.

De Valdeorras a México por primeira vez. “Así como moitas veces visitamos polas Letras Galegas Buenos Aires, con Florencio Delgado Gurriarán a Academia viaxa simbolicamente por primeira vez no Día das Letras Galegas ao exilio mexicano.

Alí, arredor do Padroado da Cultura Galega de México, houbo un momento de actividade extraordinaria na que Florencio Delgado Gurriarán tivo unha presenza activa moi importante, xunto a outras figuras como o xornalista Luís Soto, o cineasta Carlos Velo ou os irmáns Bilbatúa”, explicou o presidente da RAG.

A institución deterase tamén por primeira vez nestas Letras Galegas nas terras de Valdeorras. A ocasión permitirá celebrar o galego desta Galicia oriental e a poesía dun autor “que encarna a cultura popular e a relaciona, nos anos 30, coas vangardas, cantándolles á alegría de vivir, ao viño, ás tradicións populares; e que máis adiante conecta coa poesía civil que critica o castrapo, os caciques e a visión de Galicia dos que a querían negar”, engade.

Actividade na web. A RAG xa ten activada na súa páxina web, academia.gal, a sección das Letras Galegas 2022, que servirá de escaparate tanto para as iniciativas propias como doutras institucións e colectivos que traballen na divulgación do legado de Delgado Gurriarán.

O Portal das Palabras, a páxina web da RAG e a Fundación Barrié, acaban de estrear a súa sección das Letras Galegas 2022, onde xa están dispoñibles os primeiros contidos: tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado Gurriarán e un Allos con bugallos sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.

Xa no mes de marzo, a RAG presentará en Vilamartín de Valdeorras a última edición do proxecto para o público infantil Primavera das Letras, que inicia unha nova etapa da man da escritora Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e a ilustradora Blanca Millán.

edición
Publicarase o discurso de Delgado

··· No apartado de publicacións, a Real Academia Galega ten previsto editar o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para unha posible cerimonia, co gallo do seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, unha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán.

··· O historiador tamén será o responsable dunha escolma da rica correspondencia do homenaxeado. Por último, unha vez concluído o ano, o Boletín da Real Academia Galega recollerá as alocucións académicas do 17 de maio e os relatorios do Simposio Florencio Delgado Gurriarán.

08 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.