Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O director xeral da Crtvg fala da oferta dixital como clave

Sinala que TVG é a canle autonómica máis vista de España no 2021 // Salienta a traxectoria ascendente desde a Radio Galega

O director xeral da Crtvg, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu este martes na derradeira Comisión de Control da Corporación no Parlamento de Galicia deste ano, onde salientou, entre outros temas, os resultados acadados no eido dixital, datos que “fannos pensar que estamos na liña correcta para lanzar a futura OTT nun ecosistema que non lle é alleo á Crtvg nin ao seu público e que agardemos que se traduza nunha transición o máis sinxela posible para o espectador do plano TDT ao plenamente dixital”, indicou.

Izquierdo resaltou que é o público máis novo o que aproveita e desfruta estes contidos nas canles dixitais, webs, apps e redes sociais, e salientou o crecemento de canles como Facebook (20% máis que en 2020), Twitter (9% máis que no 2020) ou Instagram, onde os contidos da Crtvg foron seguidos este ano un 104% máis que en 2020 e cuxos seguidores rozan xa os 4 millóns, un 47% máis que o ano anterior.

Ademais, as visitas a YouTube superaron os 9 millóns, cun 33% máis de subscritores que en 2020 e o perfil de Twitch consolídase como canle de comunicación en galego co desenvolvemento do novo proxecto de #DígochoEu para esta rede os luns e mércores pola noite. Por outra parte, #DígochoEu acadou tamén unha boa posición na rede Tiktok -que acaba de desbancar a Google como a páxina máis buscada de 2021, e remata 2021, despois de apenas un ano de percorrido, con 160.000 seguidores e máis de 10 millóns de impactos. Estes datos “quizais son os menos visibles, pero para nós son extremadamente importantes, xa que aí está o futuro a moi curto prazo xa”, afirmou Sánchez Izquierdo.

Por outra banda, o director xeral expuxo os datos de audiencia deste final de ano indicando que “a terceira e última onda do Estudo Xeral de Medios de 2021, feita pública o pasado día 9, confirmou por unha parte a traxectoria ascendente da Radio Galega, cuns datos históricos para o conxunto de emisoras públicas, con 256.000 oíntes de luns a venres, e por outra que a Televisión de Galicia é a canle autonómica máis vista de España no 2021, segundo este indicador”. Os datos do EXM veñen refrendados polos de Kantar Media, “á falta de catro días para o peche do ano, a TVG rematará 2021 en dous díxitos (10%), sendo a única canle pública que medra en audiencia en Galicia, e unha das dúas que medran en audiencia de entre todas as xeralistas que operan en Galicia”, sinalou..

A estratexia de dixitalización da Crtvg supón a creación de plataformas coma o portal G24.gal, que reforza xa toda a oferta informativa nunha web de noticias en tempo real que se suma ás creadas noutros eidos da Corporación: a futura OTT como contedor de entretemento e que será unha realidade en 2022; o portal radiogalegapodcast.gal, estreado en outubro para recoller todos os podcasts da emisora, ou a plataforma Petisgo, que dará cobertura no eido educativo aos rapaces de 6 ata 16 anos.

29 dic 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.