Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O festival de Cans disposto a dar a batalla ao coronavirus

Bota a andar unha nova edición do festival de Cans despois de sobrepoñerse ao esixente contratempo do Covid-19, unha proba de forza para un festival que cada ano que pasa busca superar os seus límites e ilusións.

Nesta ocasión celebraraseno seu lugar habitual de O Porriño, manténdose fiel a tradición, do 2 ao 5 de Setembro, alterando as súas datas habituais e reducindo o seu aforo para respectar as restricións sanitarias do momento.

Isto non deterá aos organizadores do festival, xa que en palabras do seu director Alfonso Pato non se podía “deixar a cultura a cero” nun ano marcado pola suspensión de actividades e eventos culturais de todo tipo, é por iso que a pesar das limitacións que ofrece a situación actual, apostouse por manter “a esencia e as sinais identificativas que fixeron de Cans un festival único e singular”.

Parte da programación desta XVII edición do Festival de Cans presentouse hoxe nunha tenda compostelá, cuxo equipo deseña cada ano os cartaces do Festival e apoia a súa celebración.

Nesta edición “a seguridade e, de maneira moi especial, trazar un ‘escudo protector’ sobre os maiores de Cans, é o primeiro obxectivo do festival” indican os organizadores, o que lles obrigará a eliminar os concertos nocturnos, e reducir unha parte importante das actividades que ano tras ano se desenvolvían no festival, para adaptarse ás medidas de seguridade.

Esta edición abrirá coa película A illa das mentiras de Paula Cons que se estrea no terreo das largometraxes recibindo ademais a boa nova da súa recente participación no Festival de Shangai, con amplo recoñecemento no mundo audiovisual.

Para Alfonso Pato, será “unha honra abrir o festival cunha persoa tan querida para nós coma Paula Cons. Tivemos fe cega na película e nas súas posibilidades desde o primeiro visionado”.

Paula Cons ao mesmo tempo expresou a súa emoción porque “vai ser a primeira vez que esta película se vexa no seu fogar natural que é unha pantalla grande, así que vai ser unha presentación cargadísima de emoción, de electricidade” facéndolle a mesma ilusión “levar a película a Shangai coma ao festival de Cans, sen diferencia”

Ademais esta edición tamén servirá para homenaxear a figura de Chano Álvarez á que se lle adica o cartaz desta edición a través do seu personaxe Caladiño, cando se cumplen 25 anos do seu pasamento. Unha figura creadora de clásicos do audiovisual galego coma Mamasunción ou Sempre Xonxa.

As 400 entradas dispoñibles, poderán mercarse a través da tenda online habilitada polos organizadores a partir do próximo luns 27 de Xullo. Cuns prezos que oscilarán entre os 20-25 euros en función de se o paquete é de mañá ou de tarde e que darán acceso aos coloquios que se realicen.

O festival de Cans polo tanto non se rende, e está disposto a dar a batalla por defender a cultura e o audiovisual galego en tempos escuros e complexos. Rememorando o dito “ao mal tempo, boa cara”.

22 jul 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito