Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Esther Estévez / Xornalista e presentadora do programa “ Dígocho eu

“O galego está moi de moda”

“Non son moi diferente diante e detrás das cámaras”

{Verín 1997} O éxito de “Dígocho eu” sería impensable sen a espontaneidade e a frescura da súa presentadora. O talento e a certeza do azar fixeron que esta aliteración ourensá brille divulgando vídeos sobre o correcto uso da lingua galega na TVG. Só Esther Estévez conxuga o presente do idioma que seremos. Para ela, isto non é cuestión de polgadas, senón de humor serio. Dous anos despois de asomarse por primeira vez a unha cámara, opta a dous galardóns nas categorías de mellor comunicadora e de mellor programa na gala dos XX Premios Mestre Mateo que se celebrará este sábado.

Pídollo á especialista en contido web da CRTVG, defínase nun tuit.

Familiar, cariñosa, ás veces “evil Esther”, e atrevida. Son experta en redes da TVG, pero logo paso bastante das miñas.

Candidata por primeira vez aos Premios Mestre Mateo, se gañase sería a comunicadora máis nova en logralo.

Agora teño máis presión (ri). Sóubeno na propia lectura dos finalistas aos premios e foi unha sorpresa moi grande. Teño moitas ganas de que chegue o día. A xente di que me caracterizo por ser natural, entón non quero aprender ningún discurso. Quero ter claras as cousas que me gustaría dicir, no caso de que nolo dean, e expresalas como me saian do corazón.

Entón, o sábado 19 de marzo haberá foliada?

Pase o que pase, haberá (ri). Eu vou estar presente nas redes para contalo todo. Ao final isto tómoo como unha festa, non estou a pensar se mo van dar ou non. Eu o que quero é estar ese día coa miña xente e xa está. É un día para celebrar.

Aínda lle dura o cabreo polo vivido no “Benidorm Fest”?

(Ri) Eu creo que o meu anoxo representou a toda Galicia. Xa está superado, pero cando volve saír o tema... Por exemplo, na retransmisión do Festival da Cançao cando comentaron algo sobre o membro do xurado que deu dous puntos a Tanxugueiras xa me volve ferver o sangue porque non pode ser que isto pasara.

Disfrazouse de cultura de cancelación unha mala praxe do xurado?

Houbo de todo. Eu creo que, efectivamente, o cabreo non ía contra Chanel. Tampouco me quero mollar moito, pero TVE pecou de pouca transparencia. Dende o principio pediuse saber que pasara para que tendo Tanxugueiras o 70% do voto do público quedaran como quedaron. Ao final quen vai retransmitir Eurovisión é TVE e eles poden facer o que queiran. O que peor me sabe disto é que crearon o “Benidorm Fest” para recuperar a ilusión dos eurofans mandando votar a xente, para despois facer isto. Eu creo que o que ten que cambiar é o peso dos votos.

Logo Francia elixe ao grupo Alvan&Ahez cun certo parecido a Tanxugueiras.

(Ri) Cando vin o vídeo, alucinei. Fíxome moita graza un tuit dicindo que Tanxugueiras e Rayden conseguiran cambiarse de nacionalidade. Xa que non van Tanxugueiras, estou moi leda de que vaia unha mensaxe de diversidade cultural e lingüística porque o representante francés canta en bretón.

Por que resulta tan difícil pronunciar Tanxugueiras nos medios nacionais?

Nós fixemos vídeos no “Dígocho eu” para explicalo, pero non callou moito. Hai un problema de pronuncia co “x” fóra de Galicia, o cal non entendo porque ese son existe. O mítico que se di que se sabes dicir Shakira, sabes dicir Tanxugueiras, pero se non tiñan interese por aprendelo... pois xa nada.

Confesaría que bailou “SloMo”?

Vouche dicir que si porque “SloMo” é un temazo. É unha canción superbailable. De feito, estou enganchada á versión en galego que fixo Recuncho Gamer e que a canta Fátima Pego. En galego é mellor.

Dígocho eu” xa está ao nivel de “Malo será”?

(Ri) Dígocho eu é unha expresión que colleu moita presenza na nosa sociedade e que cando a uso, río. É máis, evito dicila para que non soe a mofa o que digo. Para min agora ten outro significado.

Converteuse en influente sen pretendelo. Como foi?

Dígocho eu” foi unha idea que tivo Carlos Amado, o coordinador de contidos web e das redes sociais na TVG. A xente pensa que había un gran equipo detrás e que houbo un gran cásting ao estilo de “Los juegos del hambre”. E para nada. De feito, a miña proba foi xa o primeiro vídeo. O mesmo pasa co de ser eu influente que aínda me segue a facer graza que mo digan porque eu nas miñas redes persoais non subo case contido.

Vostede traballa en todas as redes sociais: TikTok, Instagram, Twitch... como se vive en cada unha delas?

Vouche destacar para mal Twitter porque, en xeral, é unha rede moi tóxica. Instagram e TikTok son moi gratificantes porque os comentarios están cheos de afecto. En TikTok hai xente moi nova entón é bonito ver que gusta o que facemos porque nos din que o usan nas clases para aprender. E logo, Twitch tamén está moi ben porque a conversa en directo polo chat é como estar tomando algo coa xente.

Sexa sincera: gustaríalle unha banda sonora para “Dígocho eu” ao estilo de “Xabarín Club”?

Agora que o dis ‘molaría’ moito ter unha propia canción e que a xente soubese a letra como co Xabarín.

En que pensa cando non ten unha cámara acesa?

No mesmo que cando a teño prendida (ri). Acostumeime tanto a gravar... Non son eu moi diferente diante e detrás das cámaras.

Que palabra gustaríalle que se incluíse no dicionario?

Bochecha” [a recomendación da DRAG é que se utilice o termo fazula] porque é unha palabra supergalega.

Exerce de profesora consigo mesma?

Máis ben “Dígocho eu” exerce de profesor comigo. Está aí o mito de que eu son a que máis sabe de galego, pero non. Na vida cotiá non falo un galego tan depurado como nos vídeos, pero é verdade que nestes dous últimos anos mellorei moito. Limpei un montón de castelanismos na miña fala habitual.

Que erro non leva ben do galego?

A min non me pode molestar nada porque o que queremos dende “Dígocho eu” é non acomplexar á xente. O que máis me rechía son os pronomes mal colocados e os tempos compostos.

E o que sempre comete?

A expresión “vou nun rato”. Iso está mal porque “rato” en galego só é o animal, terías que dicir “vou nun anaco” ou “vou nun momento”. Son incapaz de corrixilo.

Que rol tiña na clase de Lingua Galega no instituto?

Era bastante aplicada e sacaba boas notas. Téñolle moi bo recordo á materia de Galego no instituto porque quero moitísimo a miña profesora de ESO, Marita, porque nos fixo collerlle un agarimo incríbel á lingua e á cultura galega. Sempre digo que me metín a Xornalismo porque me gustaba escribir e con ela escribín un montón tanto relatos como poesía.

Cales son os males do xornalismo actual?

Son, quizais, o egoísmo e, ás veces, mal usada, a inmediatez.

Que horizonte albisca ao galego?

Dende que estamos co “Dígocho eu”, non digo que haxa máis galegofalantes, pero creo que se lle está a dar outra importancia ao galego. Eu creo que o horizonte é positivo porque está a haber no panorama unha cultura galega que interesa. Vímolo co fenómeno de Tanxugueiras, que se puxo no foco de todo o país, pois creo que todo iso pode beneficiar o galego.

O galego está de moda?

Moito! (Ri).

Dígocho eu” ten data de caducidade?

Non me gusta pensalo, pero como todos os proxectos rematará. Nestes dous anos fomos evolucionando e sempre haberá novas palabras ou expresións. Esperemos que teña larga vida.

TRAXECTORIA

O 1 de xaneiro de 2020, un vídeo de trinta e oito segundos titulado “Non digas *a partides” puxo a Esther Estévez no mapa e, ao mesmo tempo, supuxo o nacemento do programa divulgativo “Dígocho eu” na Televisión de Galicia. Os seus expresivos ollos marróns e o punto cómico co que transmite as explicacións lingüísticas convencen a preto de 200 mil seguidores nas redes sociais. Co “Reto semanal” en repouso, a xornalista confesa que lle gustaría retomalo: “Era unha forma de traer xente, de facer entrevistas, de mellorar todos o noso galego e de dar visibilidade a xente menos coñecida”. De momento continúa a voltas co portugués na sección “Apuntamento lusófono” xunto ao actor Rodrigo Paganelli. “Antes era máis académico, pero agora desvariamos sobre calquera tema e sempre saen palabras novas. Eu creo que a mellor forma de aprender é dialogando”, engade. Antes de converterse nunha das influentes máis coñecidas de Galicia, a comunicadora verinesa fixo prácticas na Radio Galega e en Nós Televisión. Na actualidade, tamén se encarga do programa “Cachadas”, un espazo ocasional no que se repasa os momentos máis divertidos dos programas da grella da TVG. Fóra da pantalla, toca a gaita e pertence á Banda Nova Era.

Premios: “Mellor comunicación e impacto social” nos II Premios Mil Primaveras, Premio da cultura galega no apartado de lingua outorgado pola Xunta de Galicia, Premio Paraugas á mellor execución de idea e Premio Deleite á promoción da lingua.

19 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito