Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O ILG conmemora nun simposio 50 anos a prol do prestixio do idioma

A cita, ata este xoves, rende tributo a Rosario Álvarez, Fernández Rei e Manuel González

Santiago. O 50 aniversario do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC centra dende este luns a vixésima primeira edición do seu simposio anual. “O ILG naceu no ano 1971, durante o franquismo, e desenvolveu un papel protagonista na estandarización do galego. A súa relevancia era maior que a dun centro de investigación, tratábase dunha auténtica autoridade a nivel lingüístico”, explicou o seu director Xosé Luís Regueira Fernández.

O simposio deste ano ten carácter conmemorativo antes que temático e a el súmase a vontade do ILG de homenaxear a tres persoas que comezaron a súa andaina investigadora na institución nesa década fundacional e que continúan plenamente activos na actualidade, como é o caso de Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González.

O criterio dunha liña temática concreta substituíuse desta vez pola homenaxe na que tomarán parte unha representación do persoal investigador novo do ILG, investigadores destacados das tres universidades galegas, así como estranxeiros/as de longa traxectoria de colaboración co ILG.

“Esforzámonos en difundir nos países da nosa contorna o que se facía aquí pero tamén queremos ir máis alá, situar os estudos sobre lingüística a nivel internacional”, continúa o profesor Regueira Fernández. “As novas tecnoloxías conforman outro dos nosos horizontes de futuro. Hai que construír ferramentas non só para o persoal investigador, senón tamén para a sociedade en xeral, como é o caso dos asistentes de fala ou dos tradutores, entre outros, que teñen unha gran incidencia no prestixio do idioma”, engade.

O simposio celébrase desde este luns e ata o xoves na Facultade de Filoloxía da USC.

Nas súas catro xornadas intervirán, ademais das tres persoas homenaxeadas, diversos colaboradores do ILG de universidades de Galicia, Portugal, Brasil e Suíza, e tres investigadores novos.

A inicial reflexión sobre o labor realizado por este instituto de investigación nos seus 50 anos de vida irá seguida de relatorios que versarán sobre diversos temas de lingüística e filoloxía galegas nos que se traballa actualmente e se vai seguir traballando nos próximos anos, como é o caso do galego nas tecnoloxías da información e a comunicación, tradicións discursivas, lexicografía, toponimia, sociolingüística ou prosa medieval.

Tamén se tratarán aspectos de historia da Galicia moderna, sobre o portugués de Angola e Mozambique e sobre a paleografía no Brasil.

Concluída a reunión científica, a partir das 17.00 horas do venres, celebraranse na Facultade de Filoloxía compostelá os actos conmemorativos do quincuaxésimo aniversario do Instituto da Lingua Galega. redacción

18 oct 2021 / 17:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.