Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O instituto coruñés Calvo Sotelo levará o nome de Rosalía Mera

Aprobaron o cambio o Consello Escolar do Centro e a Comisión de Réxime Interior da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña cambiará o nome do instituto Calvo Sotelo da Coruña, que pasará a denominarse IES Rosalía Mera, en homenaxe á empresaria e filántropa coruñesa, falecida en 2013.

O presidente, Valentín González Formoso, destacou que “con esta iniciativa respaldada polo Consello Escolar e a dirección do centro, desde a Deputación queremos recoñecer a relevancia dunha muller que deixou a súa pegada en diversos ámbitos desta cidade e desta provincia: o empresarial, o social, o da cultura ou o da igualdade”.

“Centos de mozas e mozos de toda a provincia terán cada ano a oportunidade de formarse nun centro educativo que levará o nome de Rosalía Mera, o que para nós é un motivo de orgullo que fai honor ao compromiso social e coa educación que caracterizou a traxectoria de Rosalía Mera”, afirmou González Formoso.

O cambio na denominación do centro educativo, fundado en 1956 como obra social e dependente da Deputación da Coruña, foi aprobada polo Consello Escolar do Centro e pola Comisión de Réxime Interior celebrada antonte cos votos a favor de PSOE e BNG, que integran o Goberno provincial, Partido Popular e Alternativa dos Veciños e a abstención de Marea Atlántica. O acordo será refrendado definitivamente polo pleno provincial do 29 de xaneiro.

Na xustificación da proposta do cambio de denominación do centro, a Deputación destaca o carácter emprendedor e o compromiso social “dunha muller feita a si mesma” que utilizou o seu patrimonio persoal para financiar a investigación na loita contra as enfermidades raras.

Destacou polo seu apoio a integración social e laboral dos colectivos vulnerables a través de iniciativas que perduran como a Fundación Paideia e o Grupo Trébore de Empresas de economía social e realizou grandes contribucións no eido da igualdade, a cultura e a formación da mocidade, con proxectos coma o Centro Mans ou o programa de Voluntariado Europeo. Tamén se destaca a súa especial implicación co desenvolvemento das zonas rurais da provincia.

O IES que agora levará o nome de Rosalía Mera foi fundado en 1956 como obra social co nome de Fogar Calvo Sotelo. Desde os comezos impártense estudos de Formación Profesional Industrial non oficial nas disciplinas de Mecánica, Madeira e Artes Gráficas.

Os destinatarios son novos, en situación familiar precaria por falta de algún dos proxenitores ou os dous ou por situación económica difícil da familia. A Deputación Provincial facíase cargo destes nenos, adolescentes-novos e velaba polas súas necesidades tanto materiais como de formación.

O centro educativo conta este curso con 368 alumnas e alumnos matriculados que cursan un total de 11 ciclos formativos, dous superiores, seis de grao medio e dous de FP básica.

23 ene 2021 / 00:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.