Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENTREVISTA
Elba Pedrosa Rodríguez // Escritora, actriz y presentadora

O máis importante para crear é o amor

Elba Pedrosa é unha escritora, actriz e comunicadora galega nacida en Santa Cruz de Tenerife. Logo de estudar xornalismo en Madrid, establece a súa residencia nas Rías Baixas, entre Vigo e Baiona, inda que sempre cun pé fóra da casa. É nai de tres fillos aos que tenta inculcar cada día os valores do esforzo, o respecto e a creatividade. A función de nai é a máis complexa de todas, asegura. Desde o 2016 centra o seu oficio na escrita e na interpretación, despois de anos a traballar no ámbito da comunicación e da publicidade, ata a formación de docentes e empresas en creatividade ou habilidades de comunicación. É unha persoa inquieta, comprometida e paixonal; pura enerxía. Nos dous últimos anos fixo cousas tan dispares como ser xurado en prestixiosos premios culturais, presentar un programa de humor na Televisión de Galicia ou publicar un libro sobre o maltrato contra as mulleres.

Di que non é exemplo de nada, que o que hai detrás da súa fachada é perseveranza, algo de loucura e tamén inxenuidade. O máis importante para crear é o amor e tamén o desamor. Defínese como unha ionqui de cariño, xa que logo precisa pasar moito tempo en soidade. A cambio, a mellor recompensa é estar coa xente que quere e rir moito.

-A túa vida é para non aburrirse. ¿A cantas cousas te adicas?

-Esa palabra non a coñezo, nin a quero! Pero tampouco son tantas cousas, non o vexo así. Todo o que fago forma parte do mesmo universo, o de “contar historias”. Levo contándoas desde pequena, na casa, na escola, só que agora dei coas linguaxes máis acaídas para min. Gústame moito aprender, teño moitas inquedanzas e tento facer todas as cousas que me dan a vida e me ilusionan. Sen ilusión non paga a pena, porque non habería compromiso nin tampouco implicación.

-De todas elas, ¿cal prevalece?

-Sen dúbida a escrita e a televisión están entre todas as miñas querenzas maiores. Eu sabía de sempre que por estes lares andaba a resposta, a realización persoal, pero ata hai uns poucos anos non tiven a afouteza de plantarlle cara á miña propia realidade. A vida levoume a unha situación na que tiven que decidir entre seguir a facer o de sempre ou dar un salto ao baleiro. Escollín saltar e penso que non errei. Gozo co que fago, ás veces mesmo sinto que non é traballo. Con todo, dedicarse á cultura é un reto complicado e doloroso, e as máis das veces aturámolo pola paixón que sentimos polo oficio. Hai moitas correntes de aire neste abismo cultural que te fan tremer.

-Corren malos tempos para o oficio de periodista ¿Qué se pode facer?

-Seguir a tentar cousas novas, darlle outra volta máis, arriscar e insistir coas teimas. Se estás cansa, repousar, durmir sen complexos nin culpas, e volverte levantar. Nunca se pode perder a esperanza, a pesares de todo. Pódense botar sapos e esconxuros, chorar se é preciso. Eu choro moito, moitísimo. Tamén desafogo coas amizades, digo parvadas, e sempre hai alguén que me dá unha palmadiña no lombo e... lista! Sei que hai que empezar un novo día e tentalo outra vez ata chegarmos a meta que ansiamos. Ou preto.

-¿A literatura, ficción, claro, é rendible? ¿Da para comer?

-O oficio vén sendo de sempre incerto e inestable. O factor sorte ten que estar presente na fórmula, xunto co esforzo e o talento. Hai algunhas autoras e autores galegos que viven disto. Mais é certo que resulta agotador aturar a presión, o desgaste emocional e económico. Os artistas estamos en todo momento para facer que os demais pasen mellor a vida, temos disponibilidade total. E está máis que demostrado que a nosa función social é importante, pero sempre temos que estar a demostrar o noso talento, a procurar oportunidades de traballo, a desbotar inseguridades tamén. Disto falo no meu novo libro, Agora que cala a noite, desa precariedade inherente ao eido cultural, desa tolemia conxénita do mundo das artes e da nosa querenza cega polo que facemos.

-E o feminismo tan en boga, ¿é necesario? ¿pasámonos ou quedamos curtos?

-Vou máis alá, penso que non é que estea en boga ou que sexa unha moda pasaxeira. Hai que lle outorgar a relevancia que merece, deixarmos de hipocrisías de vez. O que si é cansina é a desconfianza que xera, e esa sensación de que é un movemento importuno, ata un termo impertinente. O feminismo é de xustiza. Cómpre que teñamos claro que se falamos de feminismo, falamos de igualdadade de dereitos entre homes e mulleres. Non hai máis nada sobre a mesa. Hai alguén que inda crea que hai seres superiores na sociedade aos que nos debemos someter e lles render culto? Alguén cré que deberíamos retornar aos tempos da escravitude, por exemplo? É obvio que o feminismo é evolución, cultura, intelixencia. É necesaria a equidade na composición da sociedade, dos traballos, na cultura en xeral. O radical e o obsoleto é non aceptar que todos somos diferentes e, xa que logo, necesarios.

-¿Qué fai unha tinerfeña no país das mil choivas?

Teño o corazón partío, como di o cantante. Con todo, hai moitas vinculacións entre as dúas terras. Non sei se é que sempre ando na procura desas cousas que me permitan manterme conectada con eses primeiros anos da miña infancia. De feito, estou a traballar na que será unha próxima novela, forzando estes elos galego-canarios. Non sei se seremos curmáns, pero algo de parentesco hai, téñoo claro.

-Exerciches no mundo da publicidade 20 anos, ¿que che aportou?

-Flexibilidade e capacidade de sedución. Non quero que soe estraño ou pretencioso, pero a publicidade fala a linguaxe da suxestión para provocar cambios nas conductas dos consumidores, para achegarnos posicionamientos e valores. Cando menos inténtao. E estes cambios teñen que ver coas emocións. Cando escribo, fágoo dun xeito espontáneo, traballo co obxectivo de espertar emocións nos lectores, incorporo un estilo plástico ou visual. E a flexibilidade de pensamento, en canto a estar de cotío a facer conexións de ideas afastadas ou menos habituais. É un ingrediente do pensamento creativo, a flexibilidade. Tamén para artellar conexións entre persoas, disciplinas... Foron moitos anos nun oficio apaixoante e algo tivo que quedar.

Lembro que cando gravabamos algún spot, sempre soñaba con estar do outro lado, diante da cámara. E mira ti, ás veces cumprimos soños.

- Tes algún soño por cumprir?

-Sempre quedan, claro! Pero encantaríame volver a presentar na televisión.

-Periodista pola Complutense, ¿o mellor e o peor deste oficio?

-O mellor é a aprendizaxe continuada, o peor, a precariedade.

-Ilusión, creatividade e paixón definen a túa vida ¿É así?

-É. Sen estes elementos non son eu.

-¿Hai que facer moito teatro para sair adiante?

-Ás veces si. A palabra “persoa” vén do latín “persona”, aludía á máscara dos actores nos teatros. As persoas precisamos destas máscaras acotío para vivir.

11 dic 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.