Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O médico republicano Antonio Culebras entra no ‘Álbum de Galicia’

A traxectoria vital deste destacado internista estivo marcada pola Guerra Civil española

Santiago. Antonio Culebras (Santiago, 1907-Becerreá, 1954) foi un destacado médico internista republicano cuxa traxectoria vital e profesional estivo moi marcada pola Guerra Civil Española e a súa represión posterior. Xosé Antón Fraga asina a súa biografía no Álbum de Galicia.

A nova entrada conta a traxectoria profesional e personal de Antonio Culebras, fillo do catedrático de parasitoloxía Jesús Culebras. A súa situación familiar fixo que comezara os seus estudos na Universidade de Santiago e rematase en Madrid, Facultade de San Carlos onde foi alumno de Roberto Nóvoa Santos.

Licenciouse en 1934 e xunto con Julio Outeiriño Núñez, Manuel Calvelo López e Luís Esteban Murias organizaron unha policlínica en Madridno que facían constar que eran “profesores de la Clínica Novoa Santos del Hospital de San Carlos e que ofrecían servizos “de Medicina y Cirugía, partos y enfermedades de la mujer, piel y venéreas, análisis clínicos, enfermedades de la infancia, etc”.

En 1936 obtivo unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAES) para traballar catro meses en Frankfurt co profesor destacado internista Franz Volhard (1872-1950). Pillouno alí a Guerra Civil e figura como cesado o 28 de marzo de 1939 ao ser sinalado por Enrique García Ortiz como persoa identificada coa Fronte Popular, así como os seus compañeiros da clínica Diego de León. Comezou a súa represión.

Comezou, xunto con Goyanes, Valentín de la Loma e Andrés Sanz, a traballar no Instituto Hispano Canadense de Transfusión de Sangue, dirixido por Henry Norman Bethune, que se fixo cargo da transfusión de toda a fronte de guerra, duns 1000 quilómetros de lonxitude nese momento. O Instituto chegou a ter un arquivo de oito centos doantes, servía a cincuenta e sei hospitais con dez mil camas e, ao final de 1936, xa recollía unha media de oitenta botellas ao día. Foi un centro pioneiro e destacado que deixou moitas achegas á medicina, como a transfusión de sangue de cadáver.

O éxito profesional viuse nalgunha medida embazado polas relacións persoais entre Bethune, Culebras e Goyanes, que observaban no canadense certo aire aventureiro e entendían que o Instituto debía ser dirixido por un español. Finalmente, as autoridades decidiron que a mellor solución era que Bethune dimitise, como así fixo. A finais de maio de 1937 regresou a Canadá, onde foi recibido como un heroe nacional. Durante seis meses dedicouse a recadar diñeiro para continuar a súa obra de Madrid. Vicente Goyanes quedou ao cargo do Instituto Madrileño e Antonio Culebras trasladouse a Linares para organizar e facerse cargo do equipo de Transfusión de Sangue dos Exércitos de Estremadura e Andalucía.

Culebras continou realizando estudos detallados das normas de conservación do sangue, e desenvolveu, ao longo do período da contenda, un aparello que regula o fluxo de sangue. O deseño deste aparello foi consecuencia da secuencia lóxica dos achados relativos á conservación e transfusión do sangue que tanto coñecemento empírico xerou durante a guerra. Semella que este aparello foi inventado por Culebras co nome de Sarbel en 1940. En abril de 1949 rexistrouno na oficina de patentes co número 187858. Non sería o único, tamén fixo unha nova xeringa para a transfusión sanguínea.

Ao remate da guerra, o 28 de marzo de 1939, Culebras foi cesado como profesor da Facultade de Medicina de Madrid e sometido a xuízo sumarísimo por un tribunal de guerra. Condenárono a doce anos e un día. Tivo que abandonar a docencia universitaria e estivo dous anos no cárcere de Porlier. En 1947 foi habilitado de novo para a práctica médica. Tivo catro fillos con Manuela Fernández dos que dous seguiron a súa carreira médica en Madrid e en Nova York. redacción

20 oct 2021 / 17:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.