Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O modelo de tren turístico acada a mellor ocupación

A práctica totalidade dos billetes dispoñibles foron vendidos, o que confirma o seu éxito

Santiago. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, fixeron balance da campaña Trens Turísticos de Galicia, que acadou este ano a mellor ocupación da súa historia coa venda do 97,5 % das súas prazas.

Antes da reunión que mantivo con Isaías Táboas, e na que estiveron presentes tamén a directora e o xerente de Turismo de Galicia, Nava Castro e Emilio de la Iglesia, respectivamente, Rueda subliñou que a venda de 1.493 billetes, dos 1.532 da presente edición, demostra “o acerto do modelo turístico de calidade e tranquilo que ofrece Galicia”, o mesmo modelo que foi quen de colocar este verán á comunidade á cabeza do turismo español, cun comportamento 27 puntos mellor que a media nacional.

O Tren Turístico de Galicia, que pecha o día 9 a oitava campaña -a do 2020 non se celebrou por mor da pandemia- programou un total de 22 saídas por once itinerarios que percorreron as rutas do viño, os xardíns, os principais mosteiros, pazos e faros, a oferta gastronómica e percorridos polo Camiño, sempre con guías e ofrecendo a posibilidade de achegarse en tren ao punto de saída das viaxes.

O 80,5% dos viaxeiros foron adultos, outro 15,4 % foron menores e o 4,1 % restante o formaron grupos.

Alfonso Rueda destacou, como claves do éxito acadado, os protocolos covid adoptados, o mantemento dos prezos dos billetes para chegar a máis xente e os atractivos da propia oferta. “A xente tiña ganas de viaxar pero con sentidiño dadas as circunstancias sanitarias, e por iso, cando puido saír da casa, elixiu a oferta turística máis segura”, subliñou o vicepresidente.

O Tren Turístico de Galicia é unha iniciativa posta en marcha no ano 2013 entre Turismo de Galicia, Renfe e Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) que, de media, acadou unha ocupación do 80,8 por cento nas súas oito edicións.

A Xunta mantén outros convenios turísticos con Renfe que están a dar tamén os seus froitos, como os descontos do Galicia Rail Pass para peregrinos e viaxeiros do tren turístico ou o acordo acadado por mor do Xacobeo para a promoción do dobre Ano Santo. redacción

30 sep 2021 / 17:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.