Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

“O novo disco será máis maduro”

Os membros de ‘Verto’, un dos grupos precursores na creación de música urbana en galego, teñen claro que son moi novos e “quédanos moito para gañarnos o respecto doutras bandas”

Verto é un dos grupos precursores na creación de música urbana en galego e xa conseguiron gañarse un oco no panorama actual galego.

O grupo formado por Fer e Berto, será unha das bandas que actuarán no Mercado da Estrela o domingo 20 en Compostela na pista cuberta nos xadins do Centro Don Bosco que, como na maioría dos seus concertos pasados, esgotaron as entradas en apenas minutos.

-Tiñades ganas de volver tocar nesta cidade?

Si e non. Para dar un concerto en Compostela queríamos reservar o momento no que poidesemos dar un concerto grande no que viñese moita xente, como sería realmente sen a covid-19. Pero tamén nos molaba estar nun cartaz con Terbutalina, Ortiga e demais.

O noso problema é que nunca chegamos a dar un concerto antes da pandemia, daquela non tiñamos temas suficientes, entón tampouco sabemos cal é o noso alcance real. Tamén nos apetecía facer un concerto con toda a xente de pé, nós facemos música para pasalo ben. De feito empezamos a facer os bolos pensando no público sentados, temos moitos gags, partes instrumentais para facer o concerto máis ameno. Cando se poda estar de pé teremos que reformular o espectáculo para que só sexa pura festa e máis dinámico.

Algo que temos claro é que antes de retirar o grupo queremos, a parte de sacar un disco elaborado, dar un bolo por todo o alto.

-Estades grabando material novo? Cando poderemos escoitar o novo disco de Verto?

Si, estamos grabando nova música en galego, dos estilos dos 80 e moi pop que sairá o ano que ven, seguramente en marzo ou abril. Sacaremos dous ou tres sinxelos en febreiro antes de que saia o disco enteiro. Pensamos que vai ser un traballo interesante, que a xente se vai a sorprender, será música moito máis traballada. Non será como Puro Ocio, que non foi un proxecto serio como tal, agora estamos madurando moito máis as cancións, dándolle tempo por se xorden novas ideas, estamos os dous tratando de ser músicos máis maduros.

-Imos notar moitos cambios no novo disco?

Si, todo vai ter un estilo máis definido. En Puro Ocio e o resto de cancións a harmonía de cada canción era moi heteroxénea, “Algo que non sexa” non ten nada que ver con “Oie Gayego”, ao final son cancións soltas sen unha coherencia entre si.

Que sexa máis fácil de consumir quítalle calidade, fai falta un proxecto serio para que a xente nós tome en serio.

Este novo disco van ser 12 ou 13 cancións que van a ter unha coherencia tanto na produción como na sonoridade e na temática. E algo que crea unha complexidade e coherencia que non tes cando creas unhas cancións heteroxéneas simplemente para que a xente as consuma é iso é moi importante para nós agora mesmo.

-Pensades que o galego necesitaba cantantes coma vós? É necesaria esta música máis actual para normalizar a lingua e achegala á xuventude?

A normalización do galego necesita un esforzo das institucións, non é cousa dun grupo de pop que se normalice, si que é certo que antes a música en galego estaba demasiado politizada e que agora están nacendo moitos grupos que simplemente cantan en galego porque lles gusta sen reivindicar nada, e iso tamén é un elemento normalizador máis importante que a canción protesta. Hai moitos grupos que fan o mesmo que nós, só que no noso caso facemos música pop que está dirixida a un target máis amplo.

-Ademais acabades de sacar novas colaboracións, como coñecistedes a LORA e Rhome?

Coñecémolos porque nos contactaron. Son cantantes que tamén teñen proxectos en castelán, a xente ve en nós un público especifico de xente á que lle mola a música en galego. Agora empezase a ver un espazo no mercado ca música en galego que non había antes, non se vía a posibilidade de éxito cantando en galego e neste momento está empezando a demostrarse que é posible.

-Sodes estudantes na USC, para vós é fácil combinar o traballo de ser artistas á vez que sacar a carreira?

Si, a música foi como unha vía de escape. Despois de saír de estudar na época de exames logo poñiámonos a facer música os dous, axuda a desconectar e non estar nerviosos. Fixo que soubese concentrarme porque sabía que tiña momentos do día para grabar e momentos para estudar. Tiña unha ilusión de que no momento que tocaba parar de estudar ía facer unha cousa que realmente ía nutrirme.

-Fostes banda convidada nos premios NARF o que demostra que xa vos ides asentando no mundillo. Cando comezastes esperabades ter esta gran acollida?

Non creo que esteamos asentados no mundillo, somos un grupo moi novo, quédanos moito para gañarnos o respecto doutras bandas, ao final somos un grupo que está fora do underground, facemos música para as masas entón nese sentido claro que nós coñece a rapazada e hai xente que se fixa en nós, pero si é certo que nós falta moito para gañarnos o respecto do panorama galego. De feito é a intención que temos co novo disco, sacar un proxecto serio co que moita máis xente se poda sentir identificada.

Nós tivemos a sorte de que moita xente se fixou en nós e que ao final se fixo fan, a música foi creada para iso porque facemos música pop para as masas. Pero hai que facelo no momento adecuado, tes que chegar a un número de público que sexa o suficiente fan como para pasarllo a máis persoas e así en cadea, xa que ao ser un grupo independente sen publicidade dependes moito do boca a boca.

04 dic 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.