Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O LIBRO RESISTe. O sector consolida en 2022 os avances tras a pandemia do coronavirus. TEXTO M.Garrido

“O pasado ano foi o segundo mellor para as librerías en vinte anos”

Os libreiros puideron comer as uvas o pasado Fin de Ano máis que satisfeitos co seu traballo durante o pasado 2022 e sabedores de que se trataba da despdedida dun novo ano de avance para o seu sector; tal e como recoñece Ramón Domínguez, presidente da Federación de Libreiros de Galicia e propietario da Librería Formatos na Coruña.

Hai quen vai máis alá, e o califica como “o segundo mellor para as librarías dende hai vinte anos, tras o 2021”, así o fai Laura Carrasco dende a Librería Cao en Pontevedra. E é que a falta de coñecer os datos finais que proporcionarán os principais estudos sobre o sector: o ‘Observatorio das Librerías’ que realiza a Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (Cegal) e o Barómetro de Hábitos de Lectura e Compra de Libros da Federación de Gremios de Editores de España e no que colabora o Ministerio de Cultura que se publican a ano vencido e verán a luz nos vindeiros meses. As sensacións para os libreiros no seu traballo de campo diario e sobre todo tras unha campaña de Nadal “con moita actividade” son sumamente favorábeis, “a pesares das circunstancias e o contexto socioeconómico a resposta para co libro ten sido moi positiva”, explica Domínguez.

Nesta boa tendencia ten gran parte de culpa unha clientela “moi fiel” que con plena confianza abre as portas dos seus establecementos con maior ou menor asiduidade “incluso a pesares do mal tempo”, bromean dende a librería Couceiro en Santiago, mais tamén os lectores novos e ‘rehabilitados’ durante os tempos pandémicos que se consolidaron no hábito e a mocidade que decide empregar os seus bonos cultura en libros durante esta última campaña de Nadal. “Cada vez lle adicamos máis tempo á lectura e hai máis lectores habituais” , sinala o representante dos libreiros galegos.

A crise financieira de 2008, o ‘boom’ dos libros electrónicos e a aparición no mercado de xigantes tecnolóxicos que se podían permitir rebaixar os prezos restándolle competitividade ás tendas especializadas obrigaron a moitos profesionais a baixar a persiana do seu negocio. Segundo os datos entre o ano 2008 e 2013 perdeuse un 10% do total das librerías españolas. Nos primeiros compases da pandemia, co confinamento o sector volveuse a estremecer: paralizouse a saída de novas obras e como no resto do tecido cultural a incertidume era palpable. Sin embargo, poden agora afirmar que supuxo un cambio de tendencia xa que entre 2019 e o 2021, xa eran máis os establecementos que abrían as súas portas que os que as pechaban.

Ademais segundo datos da consultora Growth for Knowledge (GFK), existe unha nova tendencia que indica un sutíl cambio no consumo de libros: a venda en liña, sobre todo Amazon, descendeu no primeiro semestre do pasado ano e quen sae gañando é a librería tradicional de toda a vida, que creceu nese periodo un 8,6% con respecto ao 2021.

Mentres, pola súa parte, o ‘ebook’ hai xa algún tempo que deixou de ser visto como unha amenaza para as tendas convencionais e comentan que hai incluso clientes que tras ler un libro en formato dixital que lles gustou, acoden a mercar a versión física do mesmo, xa que a pesares das comodidades que ofrecen este tipo de dispositivos, non acaban de xerar un vínculo máis alá co lector: “Existe unha cuestión incluso de carácter cultural, o libro e papel ten unhas cualidades que o fan moi difícil de desbancar.”

A pesares dos bos resultados o 2023 comézano co temor xerado polo contexto económico da inflación, que xa comezaron a notar nos últimos meses do pasado ano. “O libro é un artigo que está protexido por lei, o PVP do libro eu non podo subilo, unha protección que ven precisamente para que non veñan grandes cadenas comerciais a baixar os prezos. E iso está xenial porque protexe ás librarías independentes e tamén aos lectores, pero agora co tema da inflación, todo custa máis, todo é máis caro, pero as nosas marxes de beneficio non crecen, e incluso grandes empresas editoriais agora nola recurtan”, explica Carrasco, que compara ao seu gremio cun todoterreno: “Aguantamos o que nos boten”.

Nesta labor de resistencia deben seguir sendo os lectores unha peza angular, e é que nuns tempos actuais onde os estímulos dixitais son practicamente insalvábeis e o ritmo das nosas vidas alcanza velocidades vertixinosas a lectura é un hábito saudable que se debe manter. Neste senso, un estudo da británica Universidade de Sussex elaborado durante o pasado ano establecía que “un periodo de 6 minutos de lectura diarios axuda a reducir os niveis de estrés nun 60%”.

“Nese tolo proceso que vivimos de tratar de cumplir con todas as nosas obligacións tanto laborais como profesionais, ese tempo de dedicación á lectura é un momento íntimo que nos axuda a encontrarnos con nós mesmos e dar solución a algún dos nosos problemas diarios. En definitiva, evádenos do noso contexto e axúdanos a entendelo mellor”, conclúe Domínguez.

25 ene 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.