Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pasado, os amigos, o amor líquidos

    Antes, para lembrarmos o pasado había dous camiños, a cal máis entrañable: a memoria e as fotografías. Un chegaba dunha viaxe coa noiva ou os amigos e ía á tenda de fotos (hoxe extinguidas como as pitas do monte) a deixar o carrete para, días despois, ir recoller as fotos coa ilusión de axudar á memoria recuperando sobre o papel aquel momento, aquel arrecendo, aquel bico furtivo, aquela felicidade... O pasado, digamos, administrábase sabiamente, en pequenas doses, cheas de autenticidade e sentimento. Pero coa irrupción da Internet e o extraordinario desenvolvemento da web social, o pasado fáisenos presente dun modo constante, mesmo impertinente, vivimos ata certo punto indixestados de pasado. Non hai máis que mover reiteradamente o matapiollos sobre a impecable superficie do celular para recuperar en segundos unha conversa, unha gravación de voz, fotos incluídas, de hai semanas, meses, anos. A cousa chámase WhatsApp e pensar hoxe en que desaparecera das nosas vidas e como imaxinarmos que o sol se apague. Escolares en tenra idade, homes feitos, dignas señoras, patrucios de idade provecta, profesores, granxeiros, gardas forestais, xerentes de supermercado, funcionarios do catastro e outras persoas humanas botan o día empaquetando a súa existencia, centos de milleiros, millóns de datos, sons e imaxes, na nube, coa inconsciencia feliz de adolescentes con acne... Sóalle iso de Hoxe tes recordos con... ou Quizais queiras compartir este recordo de hai sete anos... Madia a leva Facebook! Mala gana tiña eu de lembrar que, dende aquela, pasaron sete anos. Se semella que foi onte! O que lle digo: indixestión de pasado.

    Nun post do meu blog Fragmentos da Galaxia de 2011 reflexionaba sobre o que supoñía ter 197 amigos en Facebook. Hoxe teño 1076. Todo un récord. A pregunta é: amigos? Non será a tecnoloxía, a mera tecnoloxía, quen estimula crermos que un amigo é un tipo ou tipa a quen non coñecemos absolutamente de nada, que, á súa vez, é coñecido dunha tipa coa que falamos nunha ocasión hai vinte tres anos? Se iso é un amigo, eu son Mickey Mouse. A min, ver na ringleira vertical do FB a listaxe dos meus amigos, na que coinciden seguidas persoas absolutamente alleas en todo (incluído o nivel de relación comigo mesmo), evócame esas sensación tan estraña dos soños nos que unha persoa que hai decenas de anos que non vemos nin pensamos sequera nela, aparécesenos de repente próxima e cumprindo un papel totalmente extemporáneo.

    Ou sexa que o pasado e os amigos viven no móbil. E se a permanente evocación cibernética do pasado chega a ser impertinente, xa no lle digo os amigos de Facebook. Resulta que Fulano acaba de subir unha foto, Mengana ten actividade despois de moito tempo e Zutanito está de cumpre. Pois mire usté que ben. É digno de análise isto das redes sociais. Licúan o noso pasado, que xa non nos pertence, pois é un algoritmo quen, sen que ninguén llo pida, toma a liberdade de nos lembrar cousas que, talvez, non nos guste lembrar. Licúan as relacións da xente pois indiscutiblemente ninguén pode ter 1076 amigos de verdade. Dende hai anos fálase tamén de amor líquido, un sucedáneo de sentimento infectado de todas as patoloxías da Internet: a evanescencia, a inmediatez, a impúdica exposición, a ausencia de auténtico compromiso. Relacións de usar e tirar destiladas nun monitor a golpe de teclado.

    Teño centos de fotos gardadas en álbums e caixas de lata; os meus amigos de verdade chegarán á vintena e levo trinta años convivindo coa muller da miña vida. Wow! Unha especie en extinción, seguro.

    26 feb 2022 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    TEMAS
    Tema marcado como favorito
    Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.