Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O pleno da Real Academia Galega reelixe a Freixanes presidente

Con 17 votos a favor e 3 abstencións// A nova comisión executiva será a primeira composta por máis mulleres ca homes na historia da institución

O pleno da Real Academia Galega reelixiu onte a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañárano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova.

“A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou..

Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos como vicesecretario.

Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento.

Nesta liña, nos vindeiros catro anos seguirase a procurar colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada; e a creación de espazos de divulgación da riqueza lingüística na Rede, entre outras iniciativas, ademais de avanzar en experiencias como a plataforma colaborativa de recollida de microtopónimos Galicia Nomeada ou o Portal das Palabras.

“A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar”, concluíu.

A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego. Ademais, a institución confía ademais en afrontar neste período a rehabilitación da súa sede, na rúa Tabernas da Coruña.

O III Concurso de Podcasts para escolares, centrado en Xela Arias
O alumnado fará traballos sobre a autora homenaxeada no Día das Letras

Santiago. O Goberno galego, coa colaboración da Radio Galega, convoca o III Concurso de Podcasts-Radio na biblio, a través do que o alumnado participante realizará traballos arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras 2021.

O obxectivo do certame é estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución.

Poderán participar neste concurso os 109 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Na segunda edición do certame participaron 21 centros educativos que enviaron un total de 29 traballos.

O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria; resto de Primaria; ESO e Bacharelato; ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), e seleccionaranse dous podcasts por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros.

O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 26 de abril de 2021. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia. REDACCIÓN

25 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito