Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O plurilingüismo vai ter un protagonismo especial no seu día

Hoxe hai concertos e un acto institucional en Praterías // 24 linguas oficiais conviven na UE

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de pensa de presentación da programación para este domingo do Día Europeo das Linguas, unha xornada dedicado a celebrar e promover o plurilingüismo en toda Europa. Ten unha axenda cun acto institucional previsto na Praza das Praterías de Santiago e un conxunto de propostas musicais e culturais no festival Maré 21 da programación polo 20º aniversario.

“Máis de 24 linguas oficiais conviven na Unión Europea e Galicia estase a converter nunha referencia de como se promove unha lingua en convivencia con outras e cunha sociedade na que expresarse en dúas linguas distintas non xera ningún tipo de conflito”, indicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, “é importante que celebremos a diversidade lingüística como unha riqueza de Europa e do mundo enteiro”, concluíu.

Canda Valentín García tamén participaron nesta presentación aos medios que acolleu o Parque de Santo Domingo de Bonaval, Belén Fortes, directora xerente de Ardora Comunicación, e Vítor Belho, director de Nordesía producións e promotor do festival Maré 21.

Para conmemorar un ano máis esta efeméride, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, organiza unha xornada de actos que terá lugar na Praza das Platerías.

A cita en Compostela comezará ás 11,00 horas cun acto institucional no que participará o secretario xeral de Política Lingüística e estará conducido por Belén Fortes e amenizado por ata catro interpretacións musicais a cargo do trío Thais nas que se mesturarán a música clásica e galega máis tradicional.

Tamén tomarán a palabra nesta data sinalada Xosé Bugallo, alcalde de Compostela; Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago (USC, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia.

Antes do remate do acto, previsto para as 12,30 horas, tamén se proxectará o audiovisual Imos de Camiño, no que se recolle o testemuño de diferentes persoeiros das letras galegas, e farase unha lectura poética multilingüe a cargo dunha ducia de estudantes Erasmus afincados en Compostela. O programa poderá seguirse tamén en directo na web Portal da Lingua.

Tamén coincidindo co festexo desta efeméride, o Festival Maré 21, que se está a celebrar na cidade ata hoxe domingo setembro, incorpora á súa programación distintas propostas relacionadas co Día Europeo das Linguas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Como certame onde dende fai 16 anos se ven representadas multitude de linguas e culturas, especialmente as relacionadas coa lusofonía, esta data é unha oportunidade máis para lembrar a importancia e a necesidade de preservar e fomentar a riqueza lingüística de Europa, e do mundo enteiro, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través, neste caso, da música. Por iso, no marco do Maré 21 e dentro do espazo do Bonaval, realizaranse obradoiros, conversas e outras actividades relacionadas coas linguas alén do galego, moitas delas minoritarias, xunto cunha ampla programación musical onde nesta andaina conviven concertos dos galegos Berlai, Davide Salvado e Ailá, ademais dos caboverdianos Maria Alice e Jon Luz e a saharauí Suilma Aali, que nos levan máis aló das fronteiras europeas.

iniciativa nada no 2001 impulsada polo Consello de Europa. O Día Europeo das Linguas, que se celebra o 26 de setembro, é unha iniciativa nada no 2001 impulsada polo Consello de Europa para poñer en valor a diversidade lingüística da UE e para promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía deste continente, no que existen máis de 225 linguas nativas.

A Unión Europea é a institución do mundo máis plurilingüe con 24 linguas oficialmente recoñecidas ás que hai que sumar preto doutras 60 linguas denominadas rexionais ou minoritarias.

Ademais, neste territorio fálanse a diario algo máis de 100 linguas procedentes doutros continentes. A idea desta data e facer de ponte entre as moitas culturas cunha lingua propia que artellan agora memso o mapa sociocultural na comunidade europea.

26 sep 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito