Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O pracer dunha escapada a algún paraíso de Galicia

Relaxarse, desconectar, aproveitar o tempo. Coñecer novos lugares ou visitar outros que xa che produciran benestar en anteriores ocasións convertiuse nunha práctica do máis habitual á hora de cumprir con esas premisas que enumero ao principio. E é que iso de alegrar a mente coas marabillas da natureza non sei eu que ten, seguro que algún beneficio comprobado científicamente, que che deixa novo. E é unha terapia ben xeitosa, porque as súas posibilidades son infinitas. Será por paraísos que ver en Galicia! Algúns teñen máis sona, pero hai outros que os que saben deles quixeran gardar en segredo para non romper o encanto, por aquelo da saturación. A Loly Mato non lle vou gardar eu eses segredos que me conta na súa perruquería, onde ademais de ir amañar o cabelo parece tamén que foras ao psicólogo e a unha axencia de turismo á vez. E sí, xa sei que circulan por todas partes listaxes dos puntos, lugares, montes, ríos e aldeas máis bonitos da comunidade, máis voume centrar nas recomendacións de alguén que atopa recunchos e curiosidades ás veces case sen querer. Dende hai uns tres anos esta muller non para. “Dinme conta de que o pouco tempo que teño libre debo aproveitalo con algo que me guste, así que fíxenme viaxeira e sempre teño a alguén que me acompañe. Sobre todo gústame ir os luns, cando pecho o negocio, cos meus irmáns, atopamos pouca xente e desfrutamos moito”. A afección aínda se fixo máis grande despois do consabido confinamento. E é que saír de Santiago e pasar o día por aí é bastante doado, e iso que a ela non ten coche!

VISITAS PARA UN DÍA DISTINTO. Con todas as fotos e datos que ten, Loly podería facer toda unha guía turística.“Gústame estudar todo o que visito”, afirma. Un dos seus últimos percorridos sitúanos en Catoira. “Normalmente vas ver as Torres vikingas, tamén coñecía os muíños de vento, pero a lagoa de Pedras Miúdas no monte de San Miguel foi un descubrimento máxico”. Trátase dunha paraxe que xurdiu no terreo dunha antiga canteira de pedra. Para ruta de muíños tamén destaca a que discorre polo paseo fluvial de Río Negro en Muxía, unha camiñata que podes rematar pola praia. Outro dos seus lugares favoritos atopámolo en Ponteceso, o mirador da Virxe do Faro. “A torre monumento é impresionante, con 39 metros de altura e 133 escalóns en forma de caracol. A vista é marabillosa”. Pero se algo lle gustou a esta compostelá foi a Praia dos Cristais, en Laxe, onde desfrutou como unha nena pequena. Entre os eus apuntes garda estas anotacións: “foi un vertedoiro de botellas e co tempo a natureza encargouse detransformalas, devolvendo os cristais pulidos á praia rodeada de acantilados”.

A MARIÑA LUCENSE E OS ANCARES. A costa de Lugo é un dos enclaves galegos onde Loly iría pasar unha xornada especial ou un fin de semana, “que tamén me gusta darlle ganancias aos negocios locais, como boa autónoma que son, temos que axudarnos”. O que destaca de aquí non son as míticas praias, cada vez máis coñecidas, como as Catedrais ou o Vicedo. Ela quedou abraiada cos acantilados de papel (chamados así polos seus particulares pregos) de Xove e algo tan curioso como os dolos no Cabo de Morás, unhas pezas de formigón usadas para facer diques que “forman unha paisaxe que parece un escenario de película”. Os Ancares é un clásico das escapadas para desconectar, pero nunca se deixa de descubrir marabillas alí arriba. De momento leva pateadas dúas rutas, a de Miravalles e Cuiña e a bo seguro que volve.

A RUTA DOS FAROS. Digo o de que volve porque un día Loly visitou un faro e dende aí non parou ata que estivo coa mirada diante de todos e cada un dos que están en pé en Galicia (e xa está pensando nos de Asturias). É unha ruta que se puxo moi de moda ultimamente e que parece que engancha cada vez a máis adeptos. Ela iniciou a aventura na Costa da Morte, e incluso vén de gañar un concurso de fotografía nas redes sociais, relacionado con este tema. O que non vai esquecer nunca é a súa primeira excursión despois do confinamento. Foi a Cariño onde, explica “atopamos por causalidade o mirador da Miranda, coas vistas máis bonitas que vin nunca, cara a Ría de Cariño-Ortigueira”. Alegría de vivir.

27 sep 2020 / 00:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito