Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O showman Santi Rodríguez visita hoxe o ‘Land Rober’

Tamén acudirá ó programa da Televisión de Galicia Antonio Garrido // ‘A Revista’ falara dos casos de bronquiolite

Este xoves vén pintar a mona ao Land Rober Tunai Show, e ben pintada, un dos showman máis grandes: Santi Rodríguez. A el unirase esta vez Antonio Garrido. Os dous actores van andar finos porque volve ‘A quen te pareces?’. Despois de que o Maluma galego deixara pampos a público e audiencia e fora tema de conversa durante semanas... quen sorprenderá co seu parecido desta volta?

E, como a actualidade manda, o programa da Televisión de Galicia terá hoxe novas sobre Qatar. Ademais, a alcaldesa de Traspazos ten que facerlle unha petición ao pobo. Todo isto, e moito máis, esta noite, con Roberto Vilar, Eva Iglesias e Miguel Canalejo.

A Revista. O espazo A Revista tratará hoxe un tema que a bo seguro preocupa moitos pais e nais: a explosión de casos de bronquiolite en bebés e nenos pequenos, que está a encher as UCI pediátricas de todo o país e que forza os hospitais a preparar plans de continxencia. Os expertos temen que a chegada anticipada por mor da pandemia do virus respiratorio sincitial, cunha incidencia moi alta para esta época do ano, se agrave coa chegada dos meses máis fríos. Para achegarse a este asunto, o programa contará coa presenza do pediatra Fernando Alvéz.

Tamén estará hoxe en A Revista a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, para falar do Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, que mañá se celebra.

Este 25 de novembro tamén terá lugar o Black Friday, unha data en que aumentan as compras en liña como anticipo da campaña de Nadal. E con elas tamén se incrementan os ciberdelitos que sofren a diario empresas e particulares con ataques informáticos. Para realizar unhas compras seguras, os espectadores contarán cos consellos do presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.

Por outro lado, A Revista estará pendente este xoves do xuízo contra José Enrique Abuín, alias ‘o Chicle’, pola violación da súa cuñada, un caso que se arquivara no seu día por falta de probas, pero que se reabriu a raíz da detención do acusado pola morte de Diana Quer e polo posterior intento de rapto doutra moza en Boiro en 2017. Arredor deste tema, achegarán as súas impresións os avogados Evaristo Nogueira e Román Arias, a xornalista Patricia Abet e o pai de Diana Quer, Juan Carlos Quer.

G2. Zigzag recibe hoxe a astista compostelá María Meijide, que falará da súa exposición na Fundación Granell, ‘Pánico no museo’, realizada despois da súa residencia na entidade. No seu proxecto, a xeito de gran diario expandido, relata de xeito autobiográfico a vida actual, con protagonismo dos seus amigos, a súa familia e tamén os espazos do museo. A mostra está formada por unha vintena de pezas, case todo pintura acrílica con presenza tamén do fotogravado.

No programa desta tarde tamén se falará da estrea do filme 10 de marzo, dirixido por Roi Cagiao, que aborda por primeira vez en formato de longametraxe documental os acontecementos desa data de 1972 en Ferrol, un dos feitos máis icónicos da loita polas liberdades e os dereitos sociais no noso país no tramo final do franquismo. Condensa en 80 minutos un período de seis anos que inclúe non só os sucesos do 72, senón tamén a ascensión da influencia das organizacións antifranquistas na sociedade galega.

24 nov 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
TVG
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.