Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O talento galego, protagonista da cita de artistas novos no Gaiás

Un total de corenta mozos serán seleccionados para presentar o seu proxecto coa Ruta Xacobea como eixo nunha estancia de catro días na Cidade da Cultura

A nova edición do Encontro de Artistas Novos arrinca coa convocatoria dunha cita que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días na Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo da súa obra.

Enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos do coronavirus, a participación neste programa da Xunta estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia.

Ademais, o programa sufrirá pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que o encontro se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes.

O EAN chega baixo a dirección, novamente, de Rafael Doctor, e cun formato xa consolidado no que teñen presentado os seus traballos ao redor de seiscentos creadores e creadoras ao longo das nove edicións previas.

Os artistas emerxentes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme, O que arde.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González, e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán como observadores, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico.

O EAN inclúe ademais visitas a centros de arte contemporánea como o CGAC ou a Fundación Granell.

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente.

Terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Gaiás e a conexión visual entre as Torres Hejduk e as da catedral .

Os interesados en seren seleccionados deberán enviar a súa solicitude antes das 15.00 horas do 3 de xullo coa documentación requirida a encontro@cidadedacultura.org. As bases están en www.cidadedacultura.gal.

alto nivel
Relatores de prestixio

···Esta edición incluirá a presenza da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011; así como a artista plástica e profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, 1964), e o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura. Súmanse á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra, entre outros moitos. O programa –a desenvolver entre o 23 e o 27 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas respectivas creacións.

25 may 2020 / 23:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito