Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O xornalismo e a prensa libre, eixo central dunha democracia estable

Homenaxe aos xornais centenarios nunhas xornadas sobre información política no Parlamento// A profesión, ante o reto de “renovarse o morir”, afirma Tobías

O xornalismo político e parlamentario, base para a construcción dun estado democrático, foi o centro temático este venres no Parlamento de Galicia, no marco da celebración dunha xornada sobre a nova comunicación e as novas técnicas de informar, organizada polo Foro Periodismo 2030.

Na inauguración da cita sobre Periodismo político e parlamentario na Cámara galega, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, situou o xornalismo político da comunidade como garante da súa historia democrática.

O vicepresidente primeiro inaugurou o acto acompañado polo presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, gabou o rigor e a profesionalidade dos xornalistas especializados en información política e resaltou a importancia dunha prensa libre e de calidade como servizo público aos cidadáns.

Ademais, recordou o traballo da prensa galega nos 40 anos do seu Estatuto de Autonomía, un tempo no que “a prensa non só informou senón que tamén fixo pedagoxía para, a través das súas noticias e dos seus artigos, formar á poboación na nova etapa histórica que se abría”.

Por iso, vaticinou que as vindeiras xeracións coñecerían a actividade parlamentaria de Galicia non polos diarios de sesións, senón “polas crónicas dos xornalistas, polas hemerotecas dos xornais e polas publicacións do propio Parlamento de Galicia”.

O vicepresidente primeiro e deputado na Cámara galega desde o ano 2009 salientou que nos 40 anos de autonomía de Galicia, o Parlamento pasou polo Pazo de Xelmírez e polo de Fonseca antes de chegar ao Pazo do Hórreo, e que nese tempo sucedéronse 5 presidentes autonómicos, 7 presidentes do Parlamento de Galicia, 9 partidos políticos, centos de deputados e 11 lexislaturas nas que se aprobaron en torno a 400 leis.

“E de todo iso informastes cumpridamente e con prontitude”, apuntou ao respecto.

O acto foi tamén unha homenaxe ao traballo realizado polos xornais centenarios galegos e polos medios de comunicación en xeral durante a pandemia, entre eles, EL CORREO GALLEGO.

A este respecto, Miguel Ángel Tobías, representante desta cabeceira, sinalou que “cada medio tiene un formato diferente y, si no nos adaptamos, iremos muriendo”.

“Los medios de comunicación, como el mundo de la cultura, deberíamos recibir subvenciones por ley..., pero nunca a cambio de nada”.

Pola súa parte, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira, considerou que a temática desta xornada resulta de “rabiosa actualidade”, na medida en que desde o seu punto de vista “a desinformación constitúe un dos principais riscos aos que se enfrontan as democracias occidentais, como temos visto nas crises de Ucraína, na do brexit ou no proceso secesionista que tivo lugar en Cataluña”.

INMEDIATEZ E A DERIVA NAS ‘FAKE NEWS’. Para Santalices, “a sede de inmediatez” dos tempos actuais constitúe o caldo de cultivo idóneo para as fake news.

Ao seu xuízo, “sempre é máis cómodo, e para moitos máis atractivo, abrir unha mensaxe de WhatsApp ou ollar un tuit, ignorando procedencia e fiabilidade, que dedicar uns minutos á lectura repousada dunha crónica, a ver un informativo de televisión ou a escoitar algunha das radios coas que temos medrado e madurado como persoas”.

Por iso, o presidente da Cámara estendeu a súa gratitude “a todos os xornalistas que actualmente se atopan sobre o terreo informando sobre a guerra de Ucraína”. “Esperemos que remate en breve e ogallá que os responsables da invasión –que non é o pobo ruso, senón os seus dirixentes– paguen por todo o dano que están a causar”.

Ademais de Rueda y Santalices, ou Miguel Ángel Tobías, representante deste xornal, tamén participaron no acto Fernando Jáuregui e Sergio Martín, presidente e director do foro Periodismo2030, respectivamente; María Méndez, presidenta da Asociación de Periodistas de Galicia; Josep Alfonso, director xeral da Fundación AXE e Anabel Díez, presidenta da Asociación de Periodistas Parlamentarios.

12 mar 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito