Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ofrece a RAGC a súa colaboración para un pacto pola ciencia en Galicia

O presidente da Xunta, na xornada de celebración desta disciplina, reivindicou a importancia deste colectivo na nosa comunidade neste momento e no futuro

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, agradeceu o compromiso da Xunta de promover un Pacto pola Ciencia en Galicia, iniciativa impulsada pola RAGC para dinamizar o modelo socioeconómico do futuro, e ofreceu a colaboración da institución para a súa concepción.

Ademais, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo por parte dos axentes políticos e académicos de Galicia a recomendación realizada pola RAGC de establecer un programa forte para a atracción e retención estable de talento investigador en Galicia.

Segundo lembrou Lema, estas recomendacións partiron do informe da RAGC sobre a evolución da produción científica galega e das posteriores reunións con investigadores e cos responsables das tres universidades e dos centros do Consello Superior de Investigacións (CSIC) en Galicia.

Durante a súa intervención no acto académico do Día da Ciencia en Galicia, o presidente da RAGC destacou tamén a resposta rápida e eficaz dos investigadores e investigadoras de Galicia ante a crise da covid-19. Entre os numerosos avances protagonizados por equipos científicos galegos para contribuír á resposta global ante a pandemia.

O acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, estivo presidido por Lema e polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Asistiron, entre outras personalidades, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou o papel da ciencia como piar fundamental na Galicia de hoxe e do mañá, e destacou o investimento de 12 millóns de euros para apoiar a investigación e a produción de equipos de protección na loita contra a pandemia.

Feijóo incidiu tamén na necesidade de captar e reter o talento galego. Así, lembrou que o Programa Oportunius permitiu o apoio xa a 31 investigadores galegos excelentes; e e o Programa Principia financiou só no 2020 a contratación de 111 traballadores de I+D+i en empresas e organismos de investigación.

Feijóo subliñou que os galardoados esta tarde coas Medallas de Investigación e cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez son parte da excelencia de Galicia, ao igual que o homenaxeado Andrés Comerma.

Medallas e premios de investigación

Santiago. Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos de prestixio en cada unha das súas cinco seccións, aos que Lema felicitou polas súas excelentes traxectorias.

Recibiron a distinción José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da USC (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Xosé Ramón Nóvoa, catedrático de Química da UVigo (Medalla Isidro Parga Pondal); Luis Miguel Botana, catedrático de Farmacoloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); e Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Ciencia Alimentaria da Uvigo (Medalla Antonio Casares Rodríguez).

Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, para os que, segundo subliñou o presidente da RAGC, se recibiron nesta edición cerca de 90 candidaturas.

O Premio de Investigación 2020 foi recollido polos responsables do descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do CiMUS da USC. O enxeñeiro Raúl Santoveña, do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, recolleu o premio para investigadores mozos.

En ambas as dúas categorías foron entregadas mencións honoríficas. No premio a investigadores sénior, ao enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Na categoría de investigadores mozos, a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do CiQUS da USC. ECG

09 oct 2020 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.