Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Olga Novo suma para ‘Feliz idade’ o Premio da Crítica e o do Libro galego

Bieito Alonso, ‘GCiencia’, Margarita Viso, Alfonso Costa, Os Monicreques de Kukas, Óliver Laxe e Festa do Marisco do Grove tamén foron galardonados

Baixo o lema A Nosa Fala. Na súa acea a moerse está o pan do porvir de Ricardo Carvalho Calero, a pesar da imposibilidade de celebrar o acto coas súas características habituais, a asociación Premios da Crítica de Galicia mantivo a tradición de anunciar en outono uns premios, que vén outorgando dende 1978, coa intención de recoñecer a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia durante o ano 2019.

A poeta Olga Novo fíxose onte co Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria e co Premio do Libro Galego de Poesía pola súa obra Feliz Idade (Kalandraka).

Deste xeito, a obra da poeta lucense (@A Pobra de Brollón, 1975) segue cultivando éxitos para esta obra tras recibir en semanas anteriores outros recoñecementos, entre eles, o Premio Nacional de Poesía 2020 outorgado polo Ministerio de Cultura e Deporte.

O nome de Novo, polo seu dobrete, é o máis destacado entre os gañadores da XLIII edición dos Premios da Crítica de Galicia e da Vª edición do Premio do Libro Galego, cuxos fallos se fixeron públicos onte.

Ademais de en Creación Literaria, os Premios da Crítica recoñecen o labor de distintos autores, creadores ou iniciativas en Investigación, que recaeu na obra Anarquistas Galegos en América de Bieito Alonso (Ed. Galaxia); Iniciativas Culturais e Científicas, que foi para GCiencia, o portal da ciencia en galego dirixido por Eduardo Rolland e Pablo López e Música, que foi concedido a Margarita Viso.

Así mesmo foron premiados Oliver Laxe, por O que arde, en Cinema e Artes Visuais; Alfonso Costa en Artes Plásticas; Vos Monicreques de Kukas en Artes Escénicas; e a Festa do Marisco do Grove en Cultura Gastronómica.

O xurado valorou a dificultade para ditaminar este premio, dada a calidade de todas as candidaturas presentadas nesta convocatoria, principalmente a dos finalistas, o que demostra a gran actividade e as iniciativas que existen en Galicia no mundo da cultura gastronómica.

Por outra banda, a gala do libro galego, que chega á súa quinta edición, está́ organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG).

Ademais de Olga en Poesía, tamén resultaron premiados Suso de Toro, en Ensayo e investigación, pola súa obra Dentro da literatura (Edicións Xerais). Un ensaio literario coa vocación de dar coñecer os procesos da literatura, escrito desde a lectura e sen renunciar ao exercicio da divulgación do oficio da literatura e das maneiras de ler.

A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro (Ed. Galaxia), de Juan Casto Rivadulla Fernández, en Divulgación y Seique (2a ed. ampliada), de Susana Sanches Aríns (Através Editora), en Narrativa.

En Infantil o premio é para A tartaruga Amodovou, de Paula Carballeira (Oqueleo); en Xuvenil para Os corpos invisibles, de Emma Pedreira (Edicións Xerais); en libro ilustrado o galardón é para Irmá paxaro, de Tamara Andrés, ilustracións de María Montes (Cuarto de Inverno) e en banda deseñada a obra recoñecida é A chaira, de Antonio Seijas (Alita Comics Editorial).

A Gala do Libro Galego premia tamén a Iniciativa bibliográfica, cun recoñecemento para Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930, de Miguel Anxo Seixas Seoane (Editorial Galaxia/Consorcio de Santiago); así como o labor de Tradución, cuxo premio é para Frankenstein ou ou Prometeo moderno, de Mary Shelley/ Tradució n de Samuel Solleiro (Aira Editorial).

En Teatro, a obra seleccionada é Citizen, do Grupo Ché vere (Kalandraka Editora) e o premio ao libro mellor editado foi para Fosforescencias, de Lupe Gómez/ Ilustracións de Anxo Pastor (Alvarellos Editora).

Como recoñecemento ás traxectorias premiouse á Librería Chan da Pólvora pola súa Iniciativa cultural ou fomento da lectura; a Kalandraka TV concedéuselle o premio ao proxecto literario na rede e a María Yáñez concedéuselle a distinción en Xornalismo Cultural.

Tamén se deron a coñecer o Premio Honorífico á EdiciÓN 2020, que foi para Basilio Losada e o Premio Honorífico Librería, que recaeu en Brañ as Verdes, de Carballo.

Dentro desta gala, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou conceder a súa distinción de Escritora Galega Universal a Mariasun Landa (Rentería, Euskadi, 1949).

Piden o recoñecemento do libro como ben de primeira necesidade
Houbo unha mención especial a a Xulio Amigo, director comercial de Galaxia

Santiago. Quico Cadaval conduciu a entrega dos Premios do Libro Galego, que este ano estiveron marcados pola covid-19. A situación sanitaria provocou que finalmente a Gala tivese que realizarse en formato virtual, con vídeos dos galardoados.

Ballesteros iniciou as súas palabras co agradecemento ás persoas que fixeron posible este evento, lembrando tamén as persoas falecidas ao longo deste ano, cunha mención especial a Xulio Amigo, director comercial da Editorial Galaxia e membro da directiva da AGE.

Ballesteros trasladou no seu discurso as “moitas preguntas que xorden da situación que estamos a vivir pero tamén temos certezas nestes tempos de incertezas”. Fixo fincapé́ nos tempos de emerxencia en que vivimos e na necesidade de reinventarnos despois da covid: “No noso país temos potencia creativa abondo: velaí, como mostra, os Premios Nacionais que concedeu o Ministerio de Cultura español nos últimos anos: poesía, teatro, deseño, ilustración, xornalismo cultural, literatura infantil... Sabemos facer libros: editoras e imprentas galegas destacan nas listaxes de libros mellor editados ano tras ano. Sabemos vender libros: as canles de distribución dende Galiza chegan a calquera punto de venda da Península Ibérica e tamén a nivel internacional, e moitos títulos made in Galiza forman parte das compras institucionais para fornecer os sistemas bibliotecarios en México, Chile, Arxentina, Colombia, Perú, Uruguai...”

Ademais lembrou que “a industria do libro galego é un sector estratéxico, segundo se recolle na Lei do Libro: é preciso que, a este recoñecemento, se lle sume tamén o do libro como ben de primeira necesidade”. M.A.

21 nov 2020 / 23:59
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito