Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Oreiro abre o debate sobre a pegada tecnolóxica en ‘Os mundos de agora’

O ensaio, que inaugura a colección de Galaxia Hoxeéhoxe, preséntase mañá en Compostela

Santiago. Convencido de que ante o que el define como un “transhumanismo light de persoas excéntricas, de ciborgs con cámaras incorporadas nos seus corpos”, é necesario reivindicar algo que nunca pensara que tivera que facer, “o dereito a liberdade de pensamento”, o xornalista Lois Oreiro propón no seu libro Os mundos de agora abrir o debate sobre o papel que os imperios tecnolóxicos están a xogar nas nosas vidas cotiáns a diario.

Publicado por Galaxia, a editorial estrea con este título a súa nova colección Hoxeéhoxe, dedicada a ensaio sobre temas de actualidade.

No caso do traballo de Oreiro, o escritor apunta que “debemos ter coidado porque os imperios tecnolóxicos, a redes sociais, son empresas de publicidade que o que buscan é gañar cartos; teñen exércitos de enxeñeiros para conseguir que lles dediquemos un minuto, un segundo máis”.

E nese roubo do noso propio tempo, alerta de que “non é que non nos deixen facer outras cousas, é que xa nos din ata o que queremos”.

Unha realidade ante a que propón “que como individuos libres e conscientes, pensemos sobre o noso dereito a ter as nosas propias ocurrencias, non os pensamentos inducidos por outros” porque, asegura, “os mundos de agora aínda nos pertencen, non hai intelixencia artificial capaz de amar e preguntarse pola súa existencia, é unha singularidade das persoas”.

O libro, que sae esta semana á venda, será presentado mañá, ás 19.30 horas da tarde na Capela Real do compostelán Hostal dos Reis Católicos, nun acto no que Lois Oreiro estará acompañado polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. ecg

09 jun 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.